06/05/08

HAI CLASE

Os humanos comemos aceite de carro e os carros aceites vexetais. É así o mundo: apandas, apandador ou apandado. Se queres o colles e senón tamén. As árbores dánnos alerxias nesta primavera e os fumes das polucións das cidades axúdannos a vivir máis tranquilos sabendo que lle gañamos a partida á natureza. Traballas para poder vivir ou para poder morrer? Como dicía aquela canción: “si hay futuro”
Hai futuro prometedor e devastador. As estruturas xerarquizadas e complexas da devastación motívannos a cotío para a loita de clase. E digo ben, a loita de clase: a de abaixo. Non me refería a loita de clases; porque cada vez máis o que prima, o que se leva, o que mola é loitar ricos contra ricos e pobres contra pobres… iso é o que mola. Os de abaixo confiscados nos nosos módulos e autopistas cara ao aillamento que compartimos con bastantes máis e cos que pelexamos no super, na aceira, co carro no chollo ou en casa. Cuspíndonos nas faces, aínda que sexa metafóricamente, e aínda realidade ás veces…
As loitas dos de arriba son doutra índole das que a nivel rutinario e carnal pois descoñezo. O que si se pode ver son alianzas babosas e desalianzas belixerantes sempre por, para e a través dos cartos e o poder. Eles tamén choran mais as súas bágoas ao esbarar vánse nutrindo de mascariñas e cremas para conseguir ese moreno sen sair de casa nin vivir en África. Entremedias das dúas clases existe un enorme condón policial que como tamén dicía aquela canción: “los buenos y los malos non han de estar mezclados”
Resulta terrible andar pola rúa, e ver coma nunca, moita xente pedindo para subsistir. Resulta terrible ver xente encarándose entre eles pola astenia primaveral e as gañas de foder e resulta terrible ver como moi pouca xente sae á contra opoñéndose a este roubo paulatino de almas e primaveras. Resulta terrible as cámaras de seguridade, o paternalismo e espectáculos evasivos televisivos e televiandantes e resulta patético botarnos as culpas pola nosa mala sorte na bonoloto. Ou como dicían naquela película: “a desilusión de todos os días”.
Mais o que si resulta moito máis patético e terrible é ver como as xentes que sí se supón están á contra e pola vida. As xentes que se retorcen porque non soportan este sistema infame e destrutivo, as xentes radicais de raíz… esas que concienciadamente e concienzudamente despotrican (despotricamos) contra a barbarie esquilmadora, separadora, aniquiladora de corpos e mentes… esas, pois, desgañítanse máis que nunca en arremeter contra os da súa especie. A especie denigrada. A clase ignorada. Os invisibles, os parias… Úns contra outros con virulencia fraticida reclamándose as súas parceliñas de poder, autocoronándose os millores representantes da “masa” “do pobo” “da multitude” “do proletariado” brutalmente insultándose nunha queimazón abrasiva e mutilante non militante. Sacándose as tripas e trousando toda a rabia acumulada desas estruturas xerarquizadas e complexas da devastación que impoñen os de arriba e botándoas contra os seus irmáns en clarividencia mesiánica. Ao tanto están os condóns policiais que fartos de rir coas patas enriba da mesa danlles vahídos de pracer ante tanta porquería que non lles salpica a eles e, claro está, tampouco aos bronceados do poder da merda. A merda salpica cara aos lados!!
Saúde camarradas.