CÚMPRASE A LEI |
|
Xavier Vázquez Pumariño |
|
Semella un problema estrutural nos cimentos do predio democrático galego; tanto é así que no que levamos de período democrático, os oportunistas aproveitáronse desta cuestión escandalosamente e, claro, agora que algunha cousa semella mudar, estes oportunistas, engordados nestes anos de bonanza ilegal parecen resentirse. Se queren, troquen oportunistas por caciques, tanto ten. Penso isto ao fío do que é, sen dúbida, unha decisión xusta e valente: a paralización da piscifactoría en Cabo Touriñán. Isto non é normal: ninguén tería que ter tomado decisións deste tipo porque este proxecto nunca debeu ser alentado nin autorizado por unha razón sinxela e contundente: é ilegal. A área está en Rede Natura 2000 e polo tanto hai que pensar noutras opcións económicas, non en ilegalidades. Así que se en Pescanova se enfadan é o seu problema, non o do resto da sociedade galega. Se cadra en Namibia poden actuar sen enfadarse. Poñer a escusa da emigración e do paro ten outro nome: chantaxe; empregar escudos humáns para atacar non deixa de ser unha inmoralidade como outra calquera das que se producían (producen?) neste país durante moito tempo e mercar o metro cadrado a un euro ou menos é usura. Igualdade e igualdade de oportunidades: bonitos conceptos. A min gustaríame saber en que fiestra da Administración autonómica había (hai?) que petar para que a un lle dean o 50% dunha inversión millonaria. Se isto non é oportunismo e caciquismo antidemocrático entón nada o é. En Namibia seica xa por non ter non teñen nin fiestras. De todos xeitos, a implantación do Estado de Dereito, da legalidade, etc. non é algo uniforme. Costa moito ceibarse do cancro do caciquismo que finalmente ten metástases espalladas por toda a sociedade galega: un Sartre galego podería dicir que os caciques son os outros. E isto pénsoo porque onde dixen digo digo diego e o que era "o colonialismo e a explotación enerxética da Galiza" convértese en que "a producción enerxética é estratéxica para Galiza" : 6500 MW de enerxía eólica. A mobilización democrática da cidadanía parou a desfeita en Cabo Touriñán, pregúntome agora se a legalidade na conservación da natureza, que non só pasa polo (suposto) respecto á Rede Natura 2000, terá algún lugar no novo asalto enerxético dos recursos naturais galegos, da paisaxe, da cultura, do respecto por nós como pobo e polo que deberíamos legar ás xeracións futuras. Pregúntome quén gaña con este modelo de producción enerxética en Galiza habendo tantas alternativas sostibles e posibles? Quén leva a parte do león? Nun país que perde postos de traballo constantemente no sector enerxético dende os anos 80, nun país que exporta a maior parte da súa enerxía, que emprega a que lle queda en actividades altamente contaminantes e de baixo valor engadido, un país que aínda por riba emite CO2 como se esto fora Texas, un país que perde o 11% da súa enerxía no transporte aos grandes centros de consumo e de xeración de postos de traballo no sector (poñamos que falo de Madrid), un país capaz de sorprenderse pola normalidade, un país que incumpre a lexislación ambiental constantemente, en definitiva, un país que nin o é, porque nin é legal nin dono dos seus propios recursos (logo decórenno co de nación, nacionalidade histórica ou cenefas a cores). Se a explotación dos recursos enerxéticos é estratéxica que vaian os grandes estrategas enerxéticos galegos a Nixeria, que o expliquen alí. O que é estratéxico é o uso dos recursos, calquera que estes sexan, incluíndo os enerxéticos e os pesqueiros como moi ben saben os megacaciques. Por certo, que o termo estratéxico xa non está de moda na alta consultoría internacional, ata nesto chegan tarde. E aínda hai máis, esta podería ser a proba do algodón para a que aínda é a organización ambientalista máis influinte do país: mentres agardamos a ver se por fin pasamos do réxime do caciquismo ao imperio da lei, se cadra polo camiño hai desvíos secundarios; xa Camus dixo que a tiranía totalitaria non se levanta sobre as virtudes dos totalitarios senón sobre as fallas dos demócratas. Polo demais, nada en particular, se sobrevivimos anímica e materialmente a 16 anos de ilegalidades tamén sobreviviremos no futuro; se non emigramos con aqueles tampouco ímolo facer con estes. Pero o último que apague a luz. Extraído de www.vieiros.com |