| MIJAIL A. BAKUNIN (A NACIONALIDADE) |
|
Extraído do libriño: Nacionalismo e anarquismo editado por Treboada no ano 92. |
|
O estado non é a patria; é a abstracción, a ficción metafísica, mística e xurídica da patria. As masas populares de todos os paises aman profundamente a súa patria, pero ese é un amor natural, real. O patriotismo do povo non é unha idea, é un feito: é unha expresión distorsionada por meio dunha abstracción falsa e simple que beneficia a unha minoría explotadora. A patria e o nacionalismo son, como a individualidade, feitos naturais e sociais, fisiolóxicos e ao mesmo tempo históricos; nengún deles é un principio. Só pode recibir o nome de principio humán aquelo que é universal e común a todos os homes, e a nacionalidade separao; non é, polo tanto un principio. Si é un principio o respeto que todos temos que ter polos feitos naturais, reais e sociais. A nacionalidade como a individualidade é un destes feitos. Debemos respetala. Violala é un delito, e cada volta que se atope ameazada e violada, converte-se nun principio sagrado. Así é, sinceiramente, que síntome patriota de todas as patrias oprimidas. A patria representa o direito irrebatibel e sagrado de todo home, de todo grupo de homes –asociacións, rexións, nacións- de vivir, de sentir, de crear e de actuar dun xeito; e este sempre será o irrefutábel resultado dun longo desenrolo histórico. Non hai cousa máis absurda e o mesmo tempo máis má para o povo que sostelo falso principio de nacionalidade como ideal de todas as suas aspiracións. A nacionalidade non é un principio humano universal; é un feito histórico, local, que como todos os feitos reais e inofensivos, teñen direito a esixir a aceptación xeral. Todo povo –por minúsculo que sexa- ten o seu propio carácter, o seu xeito particular de vivir, de falar, de sentir, de pensar e actuar e é esa idiosincrasia a que constitue a esencia da nacionalidade, a cal deriva de toda a vida histórica e da suma total das condicións de vida dese povo. |