A LIBERDADE DO PASEANTE

Andrés Devesa, 08.10.2005

Unha defensa do paseo fronte á motorización obrigatoria.

 

Á xente que vai levantando pó nun ruxinte automóbil móstrolles sempre o meu rostro malo e duro, e non merecen outro millor. Pensan entón que son un vixiante e policía de paisano, encarregado por elevadas autoridades e organismos de vixiar aos conductores, tomar o numero dos veículos e denuncialos despois. Sempre miro sombrío ás rodas, ao conxunto, e nunca aos ocupantes, aos que desprezo, en modo algún de forma persoal, senón por puro principio; porque non comprendo nin comprenderei nunca que poda ser un pracer pasar así correndo ante todas as creacións e obxectos que mostra a nosa fermosa Terra, como se ún toleara e tivera que correr para non desesperarse miserablemente.

Robert Walser: El paseo[1]



Teño algo que confesar. Hai un aspecto da miña vida que é de sobra coñecido entre os meus achegados, pero que cando sae a relocer ante xente descoñecida soe causar sorpresa. Non teño coche. Si, teño que confesalo. Pero a cuestión non queda aí. Teño carnet de conducir[2], pero non teño coche e, ademáis, –e isto é o que máis soe chocar á xente, provocando miradas interrogantes e algún sobresalto de sorpresa- non teño a máis mínima intención de ter ún.O certo é que sinto un profundo desprezo por eses enxendros mecánicos.

Non quero poseer un automóbil. Aínda que tivese os cartos suficientes para poder mercar ún, non o faría. Por que? En primeiro lugar, por motivos de conciencia: os automóbis supoñen ún dos despilfarros –tanto en enerxía como en materiais- máis absurdos da sociedade industrial; son altamente contaminantes; precisan do petróleo, un combustible perigoso –recordemos o Prestige e o lema “se tes coche, comerás fuel”- e escaso, o que provoca guerras polo seu control; causan miles de mortos e feridos todos os anos, sendo a maior causa de morte entre a xuventude; transforma destructivamente a paisaxe e a cidade etc.[3] O automóbil resume en si todas as características do capitalismo: o individualismo exacerbado, o desprezo da vida –humana e non humana-, o despilfarro dos recursos, a imposición totalitaria ao resto da sociedade,… Pero hai outro motivo –se ben conectado con todos estes- que me leva a non ter coche: o de conservar, ata onde poda, a miña liberdade.

Que tén que ver ter coche con conservar a liberdade? É máis, segundo os anuncios publicitarios –os Santos Evanxelios da nosa epoca-, o coche nos proporciona unha maior liberdade. Liberdade para circular, para desprazarnos onde queramos. Pero, para que queremos cambiar de ar se hoxe todos os lugares son iguais, se todo xa se estandarizou e foi asimilado, se xa no hai onde respirar pureza? A liberdade, puta ao seu pesar, é empregada por todos e botada a patadas da cama ao día seguinte. Utilízana, pero a desprecian profundamente, porque a temen. Por iso nos venden como liberdade a maior das escravitudes, a neolingua orwelliana en estado puro. Para min, a liberdade é algo tan sinxelo como poder pasear pola cidade, sen direción, sen sentido, disfrutando simplemente da rúa, das xentes, da paisaxe: nunha palabra, vagabundear. Isto é francamente difícil hoxe en día. A cidade espectacular, coa súa monumentalización, especialización e enaxenación da dimensión humana –a cidade diséñase para o coche, non para o ser humano-, impide que nela se podan desenrolar o que antes se chamaba vida. O acto sinxelo de pasear, como antano fixera o flâneur polas rúas de París[4], é algo que pertence á prehistoria, tan lonxe do eterno presente que vivimos como as pinturas rupestres de Altamira. A vida na rúa é un inferno. Todo está colonizado pola mercadoría, pola funcionalidade do sistema capitalista. A miúdo, se paras tranquilamente na metade dunha rúa polo simple pracer de observar o que che rodea ou para fumar relaxadamente un pito, non tardará moito en chegar alguén –normalmente vestido de azul e con praca e porra- para molestarche: . Non poden comprender que o maior acto de liberdade que lle pode quedar ao ser humano é sustraerse ao dominio da cousificación da vida e que unha maneira marabillosa de facelo é negarse a participar da loucura do desprazamento obrigatorio, disfrutando do vagabundeo na medida na que aínda é posible. Négome a perder a miña liberdade na masa informe de amasixos metálicos que día a día avanzan retorcéndose por entre as ruinas da cidade! Négome a participar da senrazón! Quero unha cidade humana, unha cidade baseada na Razón: “Hai que reconstruílo todo: Cidade e Razón, sobre o mesmo terreo e cos materiais de derrube, escollidos, reordenados –igual que os habitantes das chabolas, expulsados das cidades camelo e dos campos de mentira.”[5]

Non hai moitos anos, cuando aínda quedaban restos de algo chamado vida, non era extrano ver a rapaces xogando na rúa, a señoras que baixaban cadeiras á rúa e charlaban sentadas tranquilamente xunto aos seus portais. A cidade conservaba algún rasgo humano. Quedaba todavía un lixiero recordo do que era a vida en comunidade, o disfrute da rúa como espazo público, o mercado, a praza, o ágora como centros de reunión de xentes que compartían un espazo común. Pensar nunha cidade distinta é ser un nostálxico. Hai que celebrar o trunfo da cidade moderna, con os seus espazos separados[6], a imaxe e semellanza da separación á que está sometido o ser humano. A cidade espectacular logrou rematar con cualquera rasgo comunitario e solidario, consagrándose á dictadura da funcionalidade, a mercantilización e a estandarización. Non podemos movernos pola cidade sen ir algún sitio: á oficiña, ao centro comercial, á discoteca, ao cine,… correndo para non chegar tarde e poder producir ou consumir[7] máis e máis. A cidade pertence ao automóbil, en tanto que motor e símbolo do sistema industrial, todo se organiza en función das súas necesidades –as necesidades humanas parecen non importar en absoluto-, transformando a paisaxe, tanto urbana como rural, reducíndoa a unha sucesión de pontos intermedios entre unha etapa e outra do desprazamento automobilístico. Pontos de avituallamiento de consumo de sucedáneos de vida, mentras a realidade (por vivir) escápasenos por entre os dedos artríticos da estandarización.

Pero, malia todo, entre coches aparcados en dobre fila, atascos, anuncios luminosos, centros comerciales, policías de proximidade, lixo, desesperación, a través da ciudad claustrofóbica, fidel imaxe da senrazón da vida moderna, o nostálxico, o irreductible paseante bisneto do flâneur, deambula sen rumbo fixo, sen ningunha ocupación, sen saber a onde vai, deixándose levar, parando aquí ou alá para ver nunha rúa a úns rapaces xogando, interrumpindo o tráfico e ríndose ao contemprar aos furiosos automobilistas, histéricos mirando o reló, berrando que chegan tarde… chegan tarde a deixarse consumir a vida…

NOTAS:

[1] Robert Walser: El paseo, Siruela, Madrid, 2005, p. 23

[2] As razóns polas que teño carné de conducir pódense reducir a unha: a imposición social e familiar. Parecera que si con vinte anos non tés carné de conducir non existes, non és ningúen, agora, co paso dos anos, alégrome de ser un don Ninguén, con carné pero felizmente sen coche.

[3] Para unha análise profunda destes aspectos do automóbil nada millor que botar un vistazo a algunha das publicacións monográficas sobre o tema: Justo de la Cueva: Esos asesinos que impunemente matan cada día a miles de personas: Los automóviles, Hiru, Hondarribia, 1996; Colin Ward, Agustín García Calvo y Antonio Estevan: Contra el automóvil. Sobre la libertad de circular, Virus, Barcelona, 1996; e o especial dobre da revista Archipiélago: “Trenes, tranvías, bicicletas. Volver a andar”, Archipiélago. Cuadernos de crítica de la cultura, 18-19, 1994.

[4] “El está en el umbral tanto de la gran ciudad como de la clase burguesa. Ninguna de los dos le ha dominado. En ninguna de las dos se encuentra como en su casa. busca asilo en la multitud.”, Walter Benjamin: “París, capital del siglo XIX”, Poesía y capitalismo. Iluminaciones II, Taurus, Madrid, 2001, p. 184

[5] Encyclopédie des Nuisances: La sinrazón en las ciencias, los oficios y las artes, Likiniano elkartea, Bilbao, 2000, p. 40.

[6] A cidade moderna consagra a “separación radical entre lugar de trabajo y vivienda, entre centro administrativo-comercial y periferia habitada”, Miguel Amorós: “Urbanismo y Orden”, Las armas de la crítica, Likiniano elkartea, Bilbao, p.101.

[7] Que máis tén unha cousa como a outra, pois chegaron a ser xa tan parellos que é imposible distinguir o ocio do traballo, ambos os dous compulsivos e baleirados de contidos.

traducción expoplanetarium