CANZÓN PRA QUE UN NENO NON DURMA
Ao meu amigo Piñeiro
Non durmas
Meu neno pequeno…
Bule, berra, chora.
Teu pai está fóra.
Racha cos pés
Esta sábana
De medo.
Non peches os ollos
Neno pequeno.
O vento zoa,
Non peches os ollos.
A morte
Ronda por fóra
Vexo o río mouro
E unha folla morta.
Bule, berra, chora.
Teu pai está fóra.
O VALS DA NENA PROBE
Baila, baila, baila.
Os teus farrapos quedaron
Na escaleira.
Dentro estás dun rico cofre;
Unha fermosa tristura
Canta o piano,
Unha soma de acordes
Escala o teu corpo perfeito.
Baila, baila e xira
Entre terciopelos antigos.
(Ourente de pérolas
pasa polos espellos).
¡Ou os teus redondos seos!
As túas coxas frías,
Nacre pra o ébano quente.
Milagreira e doce luz
Hai nos teus ollos.
Baila, baila e xira,
Esquence os teus farrapos.
|