| CURTIS |
|
|
|
Chaman a atención os finais. Mais chaman tamén a atención os regresos. Podería pensar en calquera experiencia vital, mais hoxe penso en post-punk. Penso en todo o movemento da new-wave británica dos anos 80 e na fascinación que comeza a espertar unha década, a primeira, que eu xa vivín nas carnes. Agora toca ese revival e xa se comeza a cheirar: teño visto anunciar por aí concertos de Happy Mondays e The Durutti Column, un novo disco de New Order, unha paixón alucinante por Joy Division, a banda treboenta do defuntiño Ian Curtis. No filme 24 hours party people de Michael Winterbottom souben eu por primeira vez de todas estas cousas e agora deixarán de ser "de culto" estas bandas. Despois fixen memoria e dei asociado todos eses ritmos a lembranzas de infancia e demais. Haberá que vestir de negro.
Por suposto que o fenómeno do revival é simplemente unha estratexia comercial posmoderna. Unha estratexia comercial, iso si, que dá boa conta (como moitas) de como nos funciona a cabeza. A nostalxia é un valor importantísimo no noso tempo, e despois de que as cousas teñan rematado, facémolas regresar. E regresan un pouco menos molestas, un pouco máis luminosas. Un pouco máis perfumadas. Mais regresan. Por aquí temos a Lois Pereiro, o máis digno escritor post-punk e un dos máis dignos escritores a secas, posibelmente. Lois Pereiro é utilizado, unha e outra vez, como xuramento de independencia creativa, a súa pantasma é reivindicada como un estandarte heterodoxo. Evidentemente, estamos feitos de morbo e que Lois Pereiro estea morto, os seus campos semánticos intuídos de sangue e agullas, a suposta verosemellanza da súa Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995), son as supostas principais virtudes do poeta. E porén ten méritos abondo para ser un poeta excelente de seu. Para min o principal é ter deixado esa xoia pouco coñecida que se chama Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. O caso é que Lois Pereiro ten que regresar. O noso pequeno campo literario non está para gastos innecesarios e non pode permitirse prescindir del. Regresará, e cheirará a morangos silvestres e mesmo lle brillarán un pouco as cellas. Hai que temer a súa institucionalización como símbolo (neste país o máis que un pode aspirar a ser é símbolo, disque), que aproveite, como sen dúbida o fará, a aura de malditismo, esa que alguén ten os santísimos collóns de andarlle a inventar a algunha xente. Na Modesta proposición para renunciar… hai moito máis ca un ionqui (literario ou de carne e óso) escrebendo versos. Profeticemos: o día que a Lois Pereiro lle dediquen un Día das Letras, está(mos) perdido(s). Por agora Espiral Maior tradúcelle versos para o español. Iso é bon, en principio, o español non ten de seu nada malo. E tamén non hai que querer a exclusividade. Agora: todos sabemos o proceso de institucionalización que adoitan implicar no campo literario galego as traducións para o español, polo menos cando o escritor en cuestión, que nunca é dono dos seus versos mais debera ser señor da súa estampa, non está aquí para se defender por moito que lle cuspamos enriba unha vez e outra. Recoñézoo: son un homiño do meu tempo e tamén gosto dos revivals. Teño nostalxias profundas e gozo con elas. No entanto, iso non me impide desconfiar até onde podo e me deixan as bágoas. Porque, á fin, todo isto é unha cuestión emocional. Como El cielo gira, un filme acabado de estrear de Mercedes Álvarez que recolle a vida nunha aldea castelá fóra da lóxica vila chea / vila baleira: reflicte cunha lírica brutal un momento intermedio da vila a medio baleirar. Vén sendo algo así como que a vida non deixan de ser instantes únicos que non admiten réplica e que só a emoción, ás veces, logra universalizar. Ian Curtis, Lois Pereiro e todos os habitantes de Aldealseñor son (foron) momentos. Abonda de ditadura do almanaque. A historia da música, da literatura, da humanidade, en rigor, son fascistas até a médula. Vivimos nun mundo estercado de finais e regresos e só se pode aplaudir a sensibilidade puntual de quen, un día, se decata do que pasa no medio. |