PROPOSICIÓN DE LEI DE INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR
PARA A PROTECCIÓN, A CONSERVACIÓN E A MELLORA DOS
RÍOS GALEGOS
Exposición
de motivos
Os ríos galegos caracterízanse por unha elevada biodiversidade
dentro do seu contexto ibérico e europeo. A súa grande
biodiversidade e porcentaxe de endemismos outórganlle un
valor excepcional na actual situación mundial de crise ecolóxica.
Nos ríos galegos viven perto de 400 especies endémicas
de invertebrados, e neles descobríronse perto de 80 especies
novas para a Ciencia.
Aliás, os ríos xogaron un papel trascendental na economía
tradicional e na conformación das características
socio-culturais e psicolóxicas do pobo galego. Estas funcións
seguen vixentes na actualidade, aínda que modificadas, xa
que o alonxamento entre a sociedade e a natureza orixina novas necesidades.
Como resposta, surden novas actividades económicas relacionadas
co desfrute da natureza, a través do deporte, o lecer, o
coñecemnto ou o turismo, mais que poden verse impedidas polo
uso enerxético abusivo.
As paisaxes de Galiza están determinadas polos seus ríos.
A auga e os ríos tiveron desde sempre un alto valor simbólico
na Galiza, significando hospitalidade, fraternidade, e fonte de
vida no sentido máis amplo. Arredor dos usos tradicionais
da auga xurdiron relacións sociais e culturais integradoras,
que permanecen na forma de recursos histórico-culturais e
etnográficos.
Mais os ríos atópanse hoxe en perigo. A alteración
física, debida sobre todo ás presas hidroelétricas,
a perda e degradación dos hábitats, a invasión
das zonas de inundación por todo tipo de construcións,
a sobreexplotación, a contaminación e a introducción
de especies non nativas, son os factores que máis contribúen
á diminución da súa biodiversidade. Os mencionados
recursos socio-culturais corren a mesma sorte que os ríos.
As presas hidroeléctricas fan que mais do 70% dos nosos leitos
fluviais sexan inaccesíbeis ás especies migratorias.
O salmón é un bon indicativo da perda de poboacións
nos nosos ríos: nos últimos 50 anos, as súas
existencias reducíronse en máis dun 99%.
Danse casos frecuentes e xeneralizados de contaminación orgánica,
que afectan permanente ou temporalmente a máis do 80 % da
rede hidrográfica galega. Tamén é preocupante
a contaminación por substancias químicas.
Introducíronse de forma intencionada (pesca deportiva) ou
accidental (acuariofilia, comercio...) especies exóticas
que causan graves problemas.
A alteración física do hábitat é o principal
impacto sobre os nosos ríos e ecosistemas de auga doce: eliminación
de zonas de inundación, destrución das brañas
e mananciais, dragados, canalizacións, aproveitamentos hidroeléctricos,
e mesmo algúns paseos e praias fluviais.
As infraestructuras hidroeléctricas son responsábeis
das principais afeccións aos ríos galegos. Galiza,
con tan só o 5% do territorio e o 7% da poboación,
xera o 25% de toda a electricidade de orixen hídrica do Estado
español. O 34% da electricidade xerada en Galiza vai fora
do país, expórtase, cunhas perdas no transporte que
superan hoxe a toda a producción eólica en Galiza.
Esta sobreprodución non redundou nun mellor abastecemento
aos pobos e comarcas galegas.
Os principios de "prevención, de avaliación de
impacto ambiental, de información pública, de participación
cidadá, de educacón ambiental..." nos que se
basea a Lei 1/1995 de protección ambiental de Galiza non
se teñen materializado no caso dos ecosistemas fluviais.
Diversos aspectos da Lei 7/1992 de pesca fluvial de Galiza están
a ter unha aplicación deficiente, ao igual que a normativa
de avaliación de impacto ambiental, sendo manifesta a necesidade
de avaliar o impacto global de planos e programas mediante unha
avaliación estratéxica dos mesmos.
Por outra banda, en 2000 aprobouse a Directiva Marco da Auga (DMA),
Directiva 2000/60/CE, que establece un novo modelo de xestión
da auga, de obrigada referencia, e ordena prevenir calquera nova
deterioración dos ecosistemas acuáticos e atinxir
como mínimo o "bon estado" de todas as augas no
horizonte do ano 2015.
O "estado actual" dos ríos galegos alónxase
moito do obxectivo de "bon estado", o que fai necesario
un plan de acción para correxir esta situación.
Como lexislación "marco", a directiva establece
un modelo de xestión e uns obxectivos comúns a nivel
europeu, que deben ser alcanzados a través de medidas adoptadas
a nivel estatal ou local. Nese sentido, o Estatuto de Autonomía
de Galiza atribue as competencias de protección e ordenamento
ambiental á administración autonómica, polo
que da DMA se derivan novas obrigas para o noso país para
avanzar na xestión racional e sustentábel da auga.
Título
I. Principios xerais
Artigo 1.
Declárase unha prioridade de interese xeral a conservación
do patrimonio natural fluvial, incluindo a biodiversidade de flora
e fauna dos ríos galegos, asi como o patrimonio etnográfico
e histórico-cultural relacionado. Declárase asimesmo
obriga das administracións públicas galegas garantir
a súa protección, conservación e mellora. Con
tal finalidade, e no que respecta aos valores naturais, asúmense
os obxectivos máis avanzados da Directiva Marco da Auga e
aplicaranse de forma prioritaria e urxente as medidas contidas na
mesma.
Título
II. Da planificación hidrolóxica
Artigo 2.
A administración competente elaborará os novos planos
hidrolóxicos para as novas demarcacións hidrográficas,
conforme aos criterios básicos contidos na DMA e aos que
se establecen na presente lei.
Artigo
3.
Os planos hidrolóxicos aos que fai referencia o artigo anterior
incluirán, particularizado para cada subsistema fluvial,
cando menos:
3.1. Un plano de restauración dos ecosistemas fluviais, no
que se refere aos Indicadores de Réxime hidrolóxico
e Continuidade do río, co obxectivo de que as especies migratorias
teñan acceso á toda a bacía hidrográfica
das que eran orixinarias, ou cando menos a unha parte significativa
que garanta con seguridade a sua pervivencia e sustentabilidade.
Aproveitarase a caducidade das concesións hidroeléctricas
e das captacións de recurso para restituir o meio á
súa situación natural cando isto sexa necesario para
acadar o bon estado das augas e dos ecosistemas acuáticos.
Cando necesidades imperiosas de restauración o requiran,
procederase ao rescate dos direitos concesionais con vistas á
restauración do medio ao seu estado natural, incluíndo
no seu caso a demolición da infraestructura.
3.2. Un plano de mellora integral dos ecosistemas fluviais, atendendo
ás características morfolóxicas como a variación
da profundidade e anchura do rio, a estructura, o substrato do leito
do rio, estructura e calidade da zona ribeireña e prevención
da contaminación difusa. Será obxetivo preferente
do mesmo a creación de zonas de protección contra
a escorrentía agrícola nas marxes laterais dos ríos,
mediante filtros verdes que preveñan no posíbel as
afeccións causadas pola contaminación difusa. Coa
mesma finalidade, e de forma prioritaria para aquelas explotacións
con incidencia directa na calidade do meio acuático, fomentarase
unha agricultura e gandeiría respectuosas co medio ambiente.
3.3. Un plano de restauración de humedais e zonas de inundación
dos ríos, e de restauración hidrolóxico-florestal
das bacías, optando por solucións que minimicen os
riscos e afeccións derivadas dos incendios florestais, e
que contribúan a regular de forma natural as enchentes e
a recarga de acuiferos.
3.4. Un plano de saneamento integral de todos os cursos fluviais
que garanta a depuración integral dos vertidos urbanos e
industriais, preferentemente mediante alternativas de tipo natural,
eficiencia integral demostrada e baixo consumo enerxético,
e unha atención equilibrada á prevención da
contaminación en orixen en relación co tratamento.
No que respecta ao saneamento dos vertidos urbanos, teranse en conta
os modelos descentralizados de saneamento e aplicaranse as técnicas
de análise do ciclo de vida para elixir as alternativas mais
sustentábeis.
3.5. Crearase unha Rede de Vixiancia e Control do estado ecolóxico
dos ríos, segundo o recomendado pola Directiva Marco da auga,
contando coas diferentes equipas de investigación existentes
en Galiza e promovendo os estudos encamiñados a determinar
os valores de referencia para Galiza.
Título
III. Da protección integral dos ecosistemas fluviais
Artigo 4.
a) Elaborarase un plano para o estudo hidrobiolóxico dos
ríos, no que se catalogue e cuantifique a biodiversidade
fluvial, se desenvolvan estratexias de recuperación das especies
ameazadas, e se controlen as poboacións das especies invasoras.
b) Elaborarase un plano para acadar a protección integral
dunha parte significativa dos ecosistemas fluviais galegos, co obxectivo
de garantir a conservación sustentábel da paisaxe
e a biodiversidade fluviais. Estes espazos xestionaranse cos mesmo
criterios que os que formen parte da Rede Natura 2000.
Título
IV. Da xestión do uso da auga
Artigo 5.
As diferentes actuacións relacionadas coa auga e os ríos
basearanse nos principios de xestión da demanda, recuperación
de custos e consideración da auga e os ríos como un
activo ecosocial. En consecuencia, deberán establecerse dotacións
de recurso de referencia, atendendo a criterios de disponibilidade,
eficiencia e racionalidade no uso, e compatilidade cos obxectivos
ambientais de non deterioración e recuperación do
bon estado das augas. En todo caso, as dotacións de referencia
serán aquelas que garantan a satisfación das necesidades
básicas das persoas, non superando os 150 l/hab.día
para usos domésticos urbanos, ou as que se deriven da aplicación
das mellores tecnoloxías disponíbeis no referido aos
usos agrogandeiro e industrial. Non se autorizará ningunha
infraestructura hidráulica, captación de recurso,
vertido ou uso cando se superen as dotacións de referencia
e causen efectos negativos no medio fluvial. Naqueles casos de tradición
e valor sociocultural recoñecidos, a rega será gratuita
e terá prioridade en xeral sobre os novos usos industriais
e enerxéticos.
Título
V. Da participación cidadá nas políticas da
auga
Artigo 6.
Garantirase a participación efectiva da cidadanía
tanto nos procesos de elaboración dos planos hidrolóxicos
como nos procesos de autorización de cada infraestructura,
plano, programa, ou proxecto. Garantirase o acceso á información
ambiental, á participación na toma de decisións
e o acceso á xustiza en cuestións ambientais, na forma
en que o establece o Convenio Internacional de Aahrus. Os organismos
de toma de decisións no referido a planos e programas contarán
cunha representación paritaria de membros de entidades sociais
en relación a suma dos membros da administración e
das entidades directamente interesadas nos usos da auga. Asimesmo,
arbitraranse vías de participación efectiva das poboacións
locais na toma de decisión sobre proxectos que afecten ao
seu territorio, incluindo o direito a referendo.
Título
VI. Da educación ambiental e capacitación
Artigo 7.
a) Elaborarase, dacordo coas liñas e pautas de actuación
definidas na Estratexia Galega de Educación Ambiental, un
plano de educación ambiental relacionado cos usos doméstico,
industrial e agrogandeiro da auga, priorizando a redución
do consumo e a prevención da contaminación, con atención
específica tanto ao meio urbano como ao rural, coa finalidade
de comezar a construir unha nova cultura da auga.
b) Elaborarase, tamén na mesma liña da EGEA, un plano
de educación ambiental para o aforro enerxético, con
actuacións particularizadas para cada eido de interese, como
o consumo doméstico, o transporte e desprazamentos, e o consumo
industrial.
c) Atenderase a concienciación sobre os perigos das especies
invasoras, tanto do público en xeral como de sectores chave,
entre os que se atopan o turismo, o comercio, o transporte, etc.,
d) Atenderase de forma urxente as necesidades de capacitación
técnica do persoal das administracións hidráulica
en particular, e do persoal da administración autonómica
e local relacionada cos diferentes aspectos desta Lei.
Disposicións
Disposición adicional primeira
A administración elaborará os regulamentos e dotarase
dos recursos necesarios para o desenvolvemento
desta lei.
Disposición
adicional segunda
A presente lei é de aplicación naqueles ámbitos
territoriais e materias nos que a Comunidade Autónoma de
Galiza detenta as competencias.
Disposición
transitoria primeira
Mentres os novos planos aos que fai referencia o artigo 2 non entren
en vigor, paralízase calquera nova actuación sobre
os ríos galegos, incluíndo aquelas que contan con
proxectos en tramitación ou autorizados.
Disposición
transitoria segunda
A Xunta de Galiza xestionará a transferencia para Galiza
das competencias en materia de planificación hidrolóxica
nas bacías dos sistemas Miño-Sil, Limia e Támega,
como paso previo á configuración das correspondentes
demarcacións territoriais nas que deberá participar
o Minho e o Douro Portugués.
Disposición
derogatoria
Deróganse aquelas normas de igual ou inferior rango que entren
en contradición cos contidos da presente Lei. Deróganse
en especial o Plano Sectorial Hidroelectrico e os Planos hidrolóxicos
de bacia actualmente en vigor.