A
Igrexa non mandou desobedecer aos católicos, militares ou
civís, que apoiaron coas armas e co discurso a guerra perpetrada
polos EE.UU. no Irak. A Igrexa non ordenou obxección de conciencia,
deixando de mercar os seus produtos, contra as transnacionais farmacéuticas
que deixan morrer millóns de persoas poñendo prezo
á saúde e á vida.
A Igrexa
nunca ordenou a rebelión contra a legalidade chilena, arxentina
(antes española) cando os gobernos deses países torturaron
e mataron, nin cando arrebolaron nenos ao mar desde helicópteros.
A Igrexa xamais animou a desafiar aos Estados que afogan continentes
enteiros baixo a bota político-militar da débeda externa.
En ningún momento escoitamos a voz da curia romana suxerindo
aos católicos austríacos e franceses non votar -só
non votar, unha opción perfectamente legal- partidos que
incitan ao odio polo estranxeiro.
A Igrexa
abstívose sempre, e seguirá facéndoo con Ratzinger,
de publicar algo máis ca vagas condenas contra ese capitalismo
(con marca rexistrada, apelidos, nome) que ergue o seu Imperio planetario
explotando nenas en xornadas laborais de catorce horas. A Igrexa
está contra a Guerra, pero non incita a desertar de cada
unha das guerras que asolan os países pobres.
A Igrexa,
agora si, recomenda a desobediencia contra a legalidade española
porque vai permitir os matrimonios entre persoas do mesmo sexo.
Esta época escura, de confusión e desertos interiores,
agradece que a voz da Igrexa católica resoe firme nas televisións
do mundo coa súa vocación de dominio universal. O
silencio dos cordeiros será, unha vez máis, a coartada.
O Papa
anterior cumpriu ben o traballo de deslexitimar as teoloxías
liberadoras. Se cadra Benedito XVI, con método moito máis
firme, se dirixa á verdadeira raíz do problema. Esta
Igrexa, este bispo de Roma, tratará de abalar os cimentos
da modernidade. Contra os Dereitos Humanos, contra a Ilustración,
contra a Revolución francesa, desobediencia civil, por qué
non? Ao fin, "Solidariedade" tamén acabou sendo
o nome dun sindicato anticomunista.