UNHA NECROLÓXICA ANTICIPADA
FRAGA IRIBARNE

Jesús Prieto
Colectivo Cádiz Rebelde

Hai máis ou menos dezanove anos, o máximo dirixente, nesa data, de Alianza Popular, Manuel Fraga Iribarne, por algunha causa que non lembro, pero que supoño de forza maior (algunha campaña electoral, ou algo polo estilo), víuse na obriga de terse que adentrar no territorio comanche. Quero decir que tivo que viaxar ao -para el- sempre hostil País Basco, concretamente a  Bilbao, cidade na que, entre outras actividades, participou nun programa radiofónico local, en vivo e en directo, que emitía Herri Irratia (Radio Popular), emisora fundada polo bispado bilbaíno e integrada na Cadena COPE, ou ROUCOPE, como tamén se lle coñece agora en certos entornos anticlericais e teófobos do reino borbónico.

A cousa é que o formato do magazine incluía un bó cacho de conversa improvisada e sen censura cos oíntes e, así, entraron en antena as típicas intervencións a favor e en contra (moitas máis en contra que a favor) do que fora ministro de Franco, que Fraga Iribarne capeou como puido. Todo marchaba, máis ou menos, dentro do asumible polo autoritario político e do previsto pola dirección do programa, cando unha chamada produciu a hecatombe.

Unha persoa que se identificou como periodista interrogou abertamente ao invitado se non era certo que, por motivos de maquillaxe curricular, falseara a súa biografía, ao menos, no referente a súa xenealoxía máis inmediata. Ante a extraneza do locutor pola pregunta, o oínte aclarou: "dígoo porque é vox populi que a nai de Fraga Iribarne, na súa   xuventude, traballou de "servinta" na mansión bizcaíña dos Ybarra, quedando preñada do seu amo e señor, polo que, para evitar o escándalo, o oligarca pagou a un tal Fraga, un galego emigrante en Cuba, para que se casara coa rapaciña basca e exercera de pai putativo do lustroso bebé ao que chamaron Manolito, correndo el cos gastos da excelente formación que recibiu, e á que, doutra maneira, non tería acceso".

Como xa imaxinarán, o programa finalizou naquel mesmo intre entre as azoradas protestas do presentador mezcladas cos bufidos de cólera do ínclito Xefe da Oposición, que estivo a piques de sufrir unha apoplexía. Sen embargo, hai que decir que, moi curiosamente, non se interpuseron querelas contra o xornalista, autor da facilmente rastrexable chamada, nin houbo posteriores desmentidos ás súas manifestacións.

Pero o asunto non rematou alí. O exfalanxista Luis del Olmo Marote, que naqueles anos conducía o seu espacio "Protagonistas" na COPE, sentíuse obrigado a organizar, en nome da empresa mediático-relixiosa da Conferencia Episcopal, un acto de desagravio á memoria da santa nai de Manuel Fraga Iribarne no cementerio de Vilalba (Lugo), onde repousan os seus restos mortais. Descanse en paz, pois, a pobre muller, que, concebíndoo coa colaboración de Fraga ou de Ybarra, non debe ser xuzgada polas tropelías cometidas polo seu fillo.

Relato esta historia, máis propia de Salsa Rosa que dunha publicación alternativa, porque é pouco coñecida e para iso estamos, pero tamén porque hai tempo que tiña ganas de escribir, aínda que só sexa ordeando datos para o coñecemento dos máis xóvenes, unha semblanza "non autorizada" deste carcamal que pasou pola Historia das Españas como un rinoceronte por un almacén de porcelanas e que, segundo os ultimos signos externos, está xa na lista de espera de San Martiño.


Máis de sete anos de ministro da dictadura


Fraga, dende a súa adolescencia, foi un fascista convencido, afiliándose moi xoven á Falanxe Española das JONS, onde empezou a súa carreira política que lle levaría a ocupar, en 1951, o cargo de secretario xeneral do Instituto da Cultura Hispánica; en 1953, o de secretario xeneral do Consello Nacional de Educación; entre 1955 e 1958, o de secretario xeneral técnico do Ministerio de Educación; entre 1958 e 1962, o de secretario da Comisión de Asuntos Exteriores das Cortes; e en 1961, o de director do Instituto de Estudos Políticos, ingresando, ademáis, no Corpo Diplomático en calidade de conselleiro de Embaixada. Ao mesmo tempo que desempeñaba os cargos citados, foi conselleiro nacional, procurador en Cortes e membro do Consello de Estado. Todo un insuperable carrerón á calor do lume franquista. Sen embargo, ata o 10 de xullo de 1962, data na que Franco nomeou o primeiro gabinete da etapa que se coñece como "el desarrollo", poucos españolitos, españolitas e anexionados coñecían a Manuel Fraga Iribarne.

Naquel día, en medio dunha nómina ministerial que incluía a persoaxes de tan infausto recordo como Agustín Muñoz Grandes, Luis Carrero Blanco, Camilo Alonso Vega, Pedro Nieto Antúnez, Manuel Lora Tamayo, Jorge Vigón, Gregorio López Bravo, Alberto Ullastres, Mariano Navarro Rubio, José Solís Ruiz e algúns outros de apelidos menos coñecidos (a maioría militares golpistas, membros do Opus Dei ou ambalas dúas cousas á vez), a opinión pública "descubriu" que o ameazador paquete gubernamental incluía de matute unha "grande esperanza branca", un "renovador" de brillante expediente universitario que auguraba brisas "progresistas". Ademáis, o dictador designárao titular da carteira de Información e Turismo. Nin máis, nin menos.

Máis de sete anos estivo no cargo Manuel Fraga, ata que a súa enemizade persoal co seu colega Faustino García Moncó, á sazón ministro de Comercio, levóuno a romper a discreción coa que habitualmente se trataban os temas de corrupción entre os políticos do réxime, facendo sangue mediática do escándalo financieiro MATESA (Maquinaria Textil del Norte de España, S.A.), no que estaba implicado o seu compañeiro de gabinete e que -algo insólito- saltóu aos titulares da prensa o 9 de agosto de 1969. A "traición" ao corporativismo imperante costaríalle o posto aspenas dous meses e medio despois, cando na conseguinte "crise", tras recibir a visita do inevitable motorista, foi relevado á fronte da carteira de Información e Turismo por Alfredo Sánchez Bella o 28 de octubre, festividade de San Xudas. Logo, xa ven o que son as cousas, o augusto Franco -"augusto" na terceira acepción do termo, segundo a vixésima segunda edición do Diccionario da Real Academia Española da Lingua-, facendo uso de súa "gracia divina", indultaría a García Moncó e, tras someter durante case catro anos a Manuel Fraga ao ostracismo purificador, degradaríao destinandóo á "pérfida Albión", en calidade de vulgar Embaixador, entre 1973 e 1975.


Unha Lei de Prensa de Hansel e Gretel

Pero, sen dúbeda, o máis soado desa longa etapa da vida de Fraga Iribarne fui a súa Lei de Prensa e Imprenta -aportaría tamén ao réxime o seu Estatuto da Publicidade-, aprobada polas Cortes o 15 de marzo de 1966 e que ía   substituir á de prensa e propaganda de 1938, dictada en plena guerra e que todavía continuaba vixente.

Na teoría, a nova normativa ía procurar unha maior liberdade de expresión, establecendo un rexistro legal de publicacións e suprimindo o trámite da censura previa. Aínda que, como nos ensinou o conto de Hansel e Gretel, nas apetecibles casiñas de chocolate sempre habita unha cruel e fea bruxa, que naquela chamábase "Artículo 2º" e que posibilitaba considerar calquera cousa como infracción punible, contemplando un extenso abano de sancións administrativas directas -sen necesidade de resolución xudicial-, dende multas económicas ata a clausura do medio que ousara cuestionar o establecido, aínda que fose minimamente.

E, ademáis, sempre quedaba o recurso ao veto preventivo, como no caso do cantautor catalán Joan Manuel Serrat, que foi substituido a última hora por unha xovenciña e cándida Massiel como representante das Españas no Festival de Eurovisión de 1968.


España é diferente

Contan as crónicas que nos últimos anos da década dos 60, nunha certa discoteca da Costa Brava, un xenuino exemplar de macho celtibérico, ante o singular espectáculo dunha eufórica parroquiana sueca, atiborrada de güisqui de garrafa, despoxándose do seu suxeitador en plena pista, exclamou a berro en voz: "¡Viva Fraga Iribarne!". Referíase claro, á "apertura" promovida polo "xoven" ministro. Para aquel reprimido pailán, un par de tetas escandinavas amnistiaba -amnistía e amnesia teñen a mesma raíz semántica- a directa responsabilidade de Manuel Fraga como membro dos gobernos da dictadura que asinaron as penas de morte do libertario catalán Jordi Conill (octubre de 1962, non executado), do comunista Julián Grimau (abril de 1963, executado), dos anarquistas Francisco Granados e Joaquín Delgado (agosto de 1963, executados) e dos presos sociais Raimundo Medrano e Eleuterio Sánchez (maio de 1965, non executados). Iso por non falar do Estado de Excepción declarado en agosto de 1968 nas "provincias traidoras" bascas, prorrogado durante tres meses en Guipúzcoa e ampliado a todo o Estado a partir do 1 de xaneiro de 1969, no que se detivo e torturou a discreción.


Imposible compensar tanto horror


Transcorriron corenta anos, pero pódenllo preguntar sobre o particular ao aínda silenciado dramaturgo Alfonso Sastre, ou aos que queden vivos entre os outros 101 intelectuales que o 30 de setembro de 1964 dirixiron unha carta ao flamante ministro de Información protestando pola brutal represión policial da folga nas minas asturianas e a posterior censura informativa sobre a mesma. Varios dos detidos acabaron os seus días en tétricos manicomios, e ún morreu tras o paso pola Inspección de Policía de Sama de Langreo. A aquel escrito, Manuel Fraga respondeu a súa maneira, acusando aos asinantes de pretender "desacreditar unhas institucións, sen ter en conta o grave dano que se pode facer ao bó nome de España".

En van se esforzou Fraga Iribarne empregando todo o seu empeño en lavar a imaxe do criminal réxime. Non puido ser. Así, malia á machacona promoción da consigna "España es diferente" nunha prolongada campaña mediática sen precedentes, a tráxica realidade represiva impúxose unha e outra vez á falsa comedia. Se por un lado se celebraba con bombo e platiño o recibimento ao turista "once millones", polo outro creábase o fascista Tribunal de Orden Público. E se se organizaban concertos do conxunto de moda "The Beatles" en Madrid e en Barcelona, as notas de Let it be non conseguían amortiguar os berros de indignación dos habitantes de Palomares.


O caso Palomares

O 17 de xaneiro de 1966, un bombardeiro B-52 dos EEUU que transportaba catro bombas "H", espetóuse, afundíndose no Mediterráneo, á altura da pequena localidade de Palomares, no norte do litoral almeriense. Unha das bombas foi parar ao mar, mentras as outras tres caían nos terreos próximos. Á laxa neglixencia das autoridades puso en serio risco a saúde pública e o medio ambente ao non intervir inmediatamente na zoa afectada.

Houbo que esperar varios días ata que as Forzas Armadas ianquis -responsables en primeira instancia da catástrofe- se dignaron aparecer por alí e se fixeran cargo das operacións de rescate, descubrindo unha fuga radiactiva nunha das bombas caídas no campo. Nun desesperado intento de ocultar á opinión pública a verdadeira situación e frear o negativo impacto no turismo internacional, o home de recursos que sempre foi Fraga Iribarne, en compaña do embaixador dos EEUU, Angier Biddle, organizou un circo propagandístico-mediático consistente nun baño ante as cámaras para "demostrar" a ausencia de perigo e o "infundado" do temor popular. A astracanada tivo lugar o 7 de marzo de 1966, xusto un mes antes de que, ao fin, fora rescatada a bomba sumerxida. Sumerxida, por certo, a bastantes quilómetros do lugar no que se bañaron os "arroxados" Fraga e Biddle.

O asunto non habería pasado de ser unha bufonada máis dunha dictadura laranxeira, senón fora porque os habitantes de Palomares sufriron as consecuencias da contaminación das súas colleitas e das súas praias, detectándose posteriormente secuelas xenéticas.

Aínda por riba, coa cicatería que caracteriza aos gobernantes á hora de repartir a pólvora do rei entre quen non sexan eles mesmos, as indemnizacións, pagadas tarde e mal, ben se poden calificar de miserables. Se queren saber máis sobre o particular e teñen ocasión, lean "Palomares", o libro no que a miña querida amiga, a escritora Luisa Isabel Álvarez de Toledo, narra espléndidamente aqueles sucesos e que -víase vir- foi máis que parcialmente censurado no Estado español gracias á Lei de Prensa e Imprenta de Manuel Fraga. Afortunadamente, a UNED recuperóuno hai un par de anos, publicándoo en formato electrónico na colección "Aula abierta".

Luisa Isabel, a única noble noble que coñezo, conscente dos riscos que entrañan as radiacións nucleares, implicóuse   activamente nas manifestacións que levaron a cabo os sufridos habitantes de Palomares, o que lle costou unha condena do TOP a un ano de prisión (cumpriu nove meses no cárcere de mulleres de Alcalá de Henares), dez mil pesetas de multa ou exilio.


A dictador morto, rei posto... e ministro da porra que o guarde

Así chegamos á morte do dictador, ao nomeamento como Xefe de Estado do seu sucesor e ao regreso á primeira liña política do incombustible Fraga, agora convertido nada menos que no vicepresidente para asuntos do Interior e en ministro da Gobernación do último goberno de Carlos Arias Navarro, o "carnicerito de Málaga".

Ninguén que as vivira pode esquecer as datas. Dende o 12 de decembro de 1975 ata o 7 de xullo de 1976, Manuel Fraga Iribarne foi o responsable de todo o horror vivido no Estado español, que foi moito, moi especialmente no País basco.

Durante a etapa inicial da restauración borbónica, a represión foi xeneralizada, alcanzándose cotas de detencións e de torturas non lembradas dende os primeiros anos da sublevación franquista.

En Vitoria, por exemplo, o 3 de marzo de 1976, a Policía disparou fogo real contra unha concentración de traballadores, asesinando a dous obreiros e un estudante (posteriormente morrerían dúas persoas máis); en Basauri (Bizcaia), resultaría morto Vicente Antón Ferrero o día 8, durante as protestas polos sucesos de Vitoria; e en Montejurra (Navarra), o 9 de maio do mesmo ano, un comandante do Exército, José Luis Marín García-Verde, ao fronte -xunto co mesmísimo presidente do Consello de Estado, Oriol e Urquijo- dun grupo de fascistas, disparou a súa pistola contra os participantes na tradicional Vía Crucis carlista, asesinando a Aniano Jiménez Santos e a Ricardo García Pellejero.


Fraga, pai da Constitución. Así saiu


O 21 de outubro de 1976, no madrileño hotel Mindanao, presentóuse en sociedade o enxendro neofascista Alianza Popular, liderado, claro, por Fraga Iribarne, que tentaba así aglutinar a todas as familias do Réxime. Consiguiu o apoio dos franquistas López Rodó, Fernández de la Mora, Licinio de la Fuente, Silva Muñoz, Thomas de Carranza e Cruz Martínez Esteruelas, quen, xunto con el, foron bautizados polo inxenio popular como "los siete magníficos".

Pero, de novo, Fraga demostrou ter máis dotes camaleónicas que os demáis, aínda que algús o calificaron, simplemente, de chaqueteiro. As demostrou cando, no I Congreso de AP, alonxóuse do discurso continuista dos seus compañeiros, apostando por apoiar o advenimento dun sistema constitucional ao estilo europeo, o que el chamaría "a dereita sociolóxica".

Pola pusilánime política de "reconciliación" impulsada pola presunta esquerda e pola tácita "lei do ponto final" que se agochaba trala Reforma, o fascista Fraga Iribarne quedou reconvertido por arte de birlibirloque no "demócrata de toda a vida" Manuel Fraga. E despois diso, xa cualquera cousa era posible. Ata que se lle encargara formar parte do grupo dos sesudos xuristas que articularían a Constitución da monarquía, como efectivamente sucedeu, co resultado por todos coñecido.


Camiño de Santiago


Cando Fraga Iribarne, ao morrer o dictador, regresou do seu purgatorio londinense, fracasou no intento de facerse coa presidencia do Goberno, cargo que, na súa prepotencia, chegou a pensar que lle pertencía por dereito. Despois, entre UCDs e PSOEs non consiguiu pasar de diputado, polo cal tralas eleccións do 22 de xuño de 1986, á vista do estancamento sufrido pola Coalición Popular (AP+PDP+PL) e da consiguiente fuga dos seus socios do PDP e do PL ao Grupo Mixto, a Fraga non lle quedou máis remedio que dimitir como presidente de Alianza Popular, despois de cambiar ao seu secretario xeneral Jorge Verstrynge polo hoxe alcalde de Madrid, Alberto Ruiz Gallardón, que xugou o papel de correturnos á espera de que o líder encontrara un sustituto definitivo. Por fin, o 7 de febreiro de 1987, o andaluz Antonio Hernández Mancha foi nomeado novo presidente de Afananza Pandillar, como chamaba Forges ao enxendro.

"Cuando non hai pan, cómese bica", di o refrán. Así, senón puido selo das Españas, ao menos seríao da súa Galicia natal, esa preciosa terra onde o pariu a súa santa nai. E como faltaba moito para as eleccións autonómicas, matou o tempo no Parlamento Europeo, para o que saiu elexido diputado en xuño de 1987. Entresmentres, entre o 21 e o 23 de xaneiro de 1989, celebróuse o IX Congreso de Alianza Popular -ao que chamaron "congreso de la refundación"- no que se decidiu cambiar o antigo nome por "Partido Popular", abandoando o cargo Hernández Mancha e regresando Fraga Iribarne á presidencia para poñer orde por derradeira vez, con Aznar xa de vicepresidente.

O esperado día chegou ao fin, e o 5 de febreiro de 1990 consiguiu sentarse no seu trono compostelán. O PP celebrou seu X Congreso nos meses seguintes (marzo e abril de 1990), e o xa flamante presidente da Xunta deixou seu posto a José María Aznar López, que o levaba ocupando de maneira interina dende setembro de 1989, cando "don Manuel" se presentou formalmente como primeiro candidato autonómico.

Total, que despois dun montón de anos gobernando na Galiza e toda unha vida mandando, a secas, cumpridos 82 anos, Fraga Iribarne ameaza aos galegos con repetir. Ignoro si chegará ás próximas eleccións. Aínda que o que é seguro, é que, antes ou despois, váise morrer sen rendir contas. Nin ao pobo galego, nin ao resto do Estado que, como é sabido, sempre lle cabeu na cabeza.

traducción expoplanetarium