GALIZA SEMPRE (POR DETRÁS)
Un artigo de: Xabier Vázquez Pumariño (Extraído de www.vieiros.com)

 

Si, soa a tópico, sempre por detrás. Pero parece que todo apunta a que sempre é así, por detrás. Neste intres parece xa eminente a confirmación da última gran ocorrencia extemporánea pública galega; un achispado calquera podería preguntar "cál delas?", pero neste caso consideraremos o famoso Porto Exterior da Coruña.

Resulta que se vén de anunciar que a curva de extracción de petróleo de toda a historia (curta dende logo no contexto da historia da humanidade) tocará teito nesta década, da que xa so quedan cinco anos. É dicir, nesta década entramos no final da era do petróleo e comezamos outra, diferente, incerta. E xusto nesta década é cando alguén ten a ocorrencia de proxectar un porto exterior na Coruña para dar servicio a unha factoría, a Refinería, que está a piques, polo tanto, de entrar en declive absoluto. Todo esto, por suposto con cartos públicos, europeos ou non, porque obviamente a dirección da empresa propietaria da citada Refinería non é suicida.

En definitiva teremos un porto operativo para dar servicio petroleiro xusto cando esta mercadoría finalice o seu ciclo, e no mellor dos casos será unha infraestructura que terá un recorrido duns vinte anos, máis ou menos, o que lle da tempo aos políticos actuais a estar xa xubilados ou incluso no máis alá e a cidadanía danos tempo a esquecer. Un gran triunfo da planificación. Claro que tamén podemos facer o mesmo razoamento para as autovías, etc e replantexarmos nos nosos medios de transporte.

Agora ben, qué facer?. California é un Estado que depende xustamente do petróleo para manterse, especialmente para os seus particulares medios de transporte, vamos, un lugar onde sen coche non podes nin ir á neveira; por estas razóns é un Estado que en si mesmo contribúe extraordinariamente ao cambio climático; pois ben, neste Estado, onde goberna un coñecido actor (sic) republicano, van aplicar un protocolo doméstico máis duro que o famoso de Kioto e xustamente un dos principais argumentos é comezar xa o cambio tecnolóxico que se supón será unha magnífica oportunidade a nivel económico. Curioso, aquí mentres estamos con portiños exteriores mortos antes de nacer, debates boina/birrete e procesos laminadores ao xeito caza de meigas do senador McCarthy. Pero non se asusten, non estamos sós: China, outra potencial democracia, o inminente xigante económico, aínda está a fundamentar o seu extraordinario crecemento no uso do carbón, vamos como na revolución industrial. Tamén por detrás.

Xurden voces que falan de empregar, mentres, a enerxía nuclear. Intento fallido: unha central nuclear tarda en construírse 20 ou 25 anos, ademais doutras consideracións. Demasiado tarde. Galiza sempre, por detrás: o país onde as ocorrencias nacen coa mesma velocidade á que desaparecen as ideas.