"PEDIMOS TRABALLO E DANNOS KALIMOTXO"
Por Manuel Vidal Villaverde (Extraído de Galiza-hoxe)

 

Hai anos, Francisco Sampedro, filósofo e amigo de meu con quen compartillo moitas ideas e ideoloxía, faloume dun grafito no muro dunha calella viguesa próxima a Camelias Street. A pintada en cuestión dicía así: "Laura kaen lágrimas de inkomprensión". Desaparecido o muro desapareceu a pintada.

Chamoume a atención o ar poético do parágrafo, a amarga reflexión ou mensaxe, ao tempo que sentín a imposibilidade da anagnórise. Supoño único o grafito que digo, e mesmo o cambio deliberado do c polo k. Esta mínima e non arbitraria alteración fonética dáballe unha énfase á pública e mesmo anónima queixa do que supoño, tamén, namorado desenganado.

Así, como nun acto sinestésico veu á miña memoria un escostado de Ourense cunha placa que non sei de onde vén a súa orixe: "Rúa do Desengano", nome non de "autor", pero si de coñecedor: eis a anagnórise que digo. Máis claro está, polo menos para min, a praza da Soedade, en Lugo, de indubitábel ecoar xudeu-cristián, próxima a un retablo ou estampa da "Semana Santa" luguesa. Así, e en parecida asociación recordo unha copla popular que falaba da morte dun arcebispo por celos dunha madama, en Compostela, na rúa ou "casa da balconada".

Seica nunca tivo lugar tal feito, que os máis renitentes sitúan cando os oficios dun Corpus Christi do século XV ou XVI, e pido desculpas aos lectores desta "fai fume" por esta miña mala memoria ad hoc. Pois ben: hai tempo que lin en Pontevedra, en Campolongo e na estrada de Vigo (hoxe avenida de Vigo) unha pintada en laio non menos profundo que a primeira que citei, "Pedimos traballo e dannos kalimocho". O k aiquí é un traslado do éuscaro kalimotxo, segundo intúe o meu amigo Méndez Ferrín.

A queixa deste grafito chega a nós dende unha xuventude ácrata e aceda, pero non por iso incerta e acusadora dos que proporcionan este "kalimocho" como substitutivo do xusto traballo. Seica é viño tinto con cocacola, bebida de verán que os "caporais" de contratos lixo procuraban (ou procuran) aos mozos empregados na construción, e neste caso creo que ten a súa orixe no Morrazo, contoume Moncho, unha mañá destes últimos días invernais, cando xa os mediodías olen a primavera de camelias tristeiras e queimadas, eses versos 'Das últimas mareas, de Ana Romaní: "que tristura saber/que na próxima primavera/as camelias non florecerán para nós".

É a urdime capitalista, a voracidade que tece novos xeitos de explotación, de espolio. En Chile, contaba Pablo Neruda en Confieso que he vivido, aos mineiros que baixaban "as entrañas da terra para extraer o cobre, dábanlle follas de coca para que non sentisen aquel frío estarrecedor, aquel arreguizo para máis alá de corazón e podricalla de soldada; e eles mastigaban e picaban sen sentir a friaxe, a podremia imposta polos miserábeis.

Hai pintadas infames, cousas-palabras para emporcallar as cidades, práctica xa recoñecida en Pompeia, denantes dos seus últimos días. Láiome de non poder reproducir aquí algúns destes grafitos, denunciadores da oligarquía romana, a mesma explotación e semellantes ergástulos. Non rematou a escravitude senón que suavizou as súas múltiples facianas, as súas formas de expresión: traballo por "kalimocho".