|
Luís Villares Naveira |
|
Con intencionada falla de información, o goberno convocou á cidadanía galega en vindeiras datas para ratificar en referendo un Tratado Internacional (TI) denominado "Constitución para Europa". O primeiro recelo que suscita o texto é a teima en denominalo "Constitución", cando non o é. Estamos perante unha interesada perversión semántica que busca dotar de apariencia democrática un proceso de integración fondamente despótico. Co gallo da entrada do novos Estados do Leste no clube económico era precisa unha reforma dos Tratados da UE, aproveitada para tentar lexitimar unhas institucións europeas carentes en toda a súa historia de participación directa da cidadanía, algo que este TI consolida, e nós non podemos, co noso voto, aceptar. Que o TI non é unha Constitución está fóra de dúbida; o proceso de elaboración, sen un lexislador constituínte saído dunhas eleccións ad hoc; o seu contido, que non determina, nin formal, nin materialmente, a producción xurídica dos Estados membros (anque incida como TI efectivamente sobre o Odenamento Xurídico); o seu proceso de aprobación, no que non existe necesariamente referendo; mesmo a consulta sobre a súa constitucionalidade ao Tribunal Constitucional determina a súa natureza de TI. Daquela, por que ese interese na transfiguración conceptual?simplemente para revestir a actuación da política económica europea de apariencia democrática, empreñando o termo máxico "constitución", asociado na cultura occidental como proceso democrático de elaboración, aprobación e ratificación. Falando con propiedade, debemos referirnos a ao texto simplemente como "Tratado". Só por este engano semántico deberamos dicir "non". Pero aínda hai máis. Aceptando que é un TI, o contido do mesmo lévanos a rexeitalo, dende unha triple perspectiva; Nacional: O TI non garante, nen sequer recoñece, os nosos dereitos colectivos como nación. Só artella o funcionamento institucional arredor dos dereitos individuais e dos intereses estatais. Non podemos aceptar un TI que institucionalmente ignora á nosa nación, relegándoa a non recoñecela nin como autonomía. Repárese en que a Constitución Española recoñece a autonomía política de Galicia; o TI, nin iso, xa que o único órgao rexional europeo, o "Comité das Rexións", só ten capacidade consultiva non vinculante, e degrada ás nacións que dela participan, equiparando a súa autonomía á dos concellos. O TI ignora que o Estatuto de Autonomía atribúe ao noso país competencias lexislativas exclusivas en determinadas materias, afectadas polo TI, e non prevé a presenza directa das institucións autonómicas neses eidos de decisión, deixando a representación ao voluntarismo dun goberno estatal que en políticas como a agricultura ou pesca detenta só compentencias marxinais. O TI debera garantír un órgao con competencias vencellantes para as rexións con capacidade política e afirma-la presenza directa delas nos foros de discusión e toma de decisións. Sen intermediarios estatais. Coa estructura actual o TI nega toda posibilidade de confederación europea de nacións. Democrática: a atribución e distribución institucional das competencias derivadas do TI revélase antitética dos procesos democráticos de toma de decisións. A iniciativa lexislativa, ponto de arranque da promulgación da lei, como expresión actualizada da soberanía (con límites constitucionais, claro) en función dos intereses das maiorías, non descansa no Parlamento Europeo (PE), nen sequer nun executivo, senon na "Comisión", órgao de indirectísima raigame democrática (desígnase polos gobernos dos Estados -nen sequer os Parlamentos Estatais-, proposta que o PE pode ratificar ou non, pero nunca propoñer). O Consello consolídase como órgao executivo, sendo a suma dos gobernos dos Estados membros, cando o democrático sería que fose nado do corpo eleitoral europeo directamente, a través do PE. E éste, convidado de pedra. Lexión folclórica de cidadáns sen apenas competencias vencellantes, limitando as súas funcións as máis das veces a unha mera acclamatio principis da actividade desenvolvida polos outros órgaos, de novo para revestir, no intre final, de lexitimación democrática un proceso de elaboración normativa de clara incidencia na nosa vida económica carente de participación, consulta. De democracia, pois só se pode entender ésta como participación en tódolos estadíos da toma de decisións, non só nun veto ou ratificación (en casos contados). O TI consolida na súa parte organizativa este panorama, reducindo a declaración sen contido, nen intencións, a suposta parte orgánica onde asume compromisos cos valores democráticos, non dotando o contido das institucións de ferramentas para facelos efectivos. Social: dende unha perspectiva de clase, o TI non avanza no recoñecemento ou mellora dos dereitos colectivos das clases traballadoras. É significativa a redacción do artigo referente ao dereito á propiedade, onde desaparece toda mención á súa función social. Na parte dogmática, por outra banda, mestúranse dereitos que no constitucionalismo europeo adoitaron estar separados polo grao de protección que merecían e a súa significación axiolóxica funamental para a vida en comunidade. Así agora comparten lugar nos valores da Unión o dereito á vida, o da propiedade e o da liberdade de empresa (iso sí, éste último sen as limitacións ata agora propias como a intervención do Estado na Economía por razóns de interese xeral). A perversión axiolóxica declarada no TI ten a virtude de descubrir a súa ideoloxía neoliberal, determinando o obxectivo deste proceso, situando a libre competencia a carón da dignidade humana, a supeditación do benestar social á marxe que lle permitan os obxectivos do libre mercado. En coherencia coa natureza de TI e non de Constitución non se prevén mecanismos normativos, institucionais ou xudiciais para garantir o cumplimento dos febles dereitos sociais recollidos na parte dogmática (pois malia a declaración xeral de dereitos, as institucións só teñen plenas competencias en materia predominantemente económica). Os dereitos individuais tampouco saen ben parados, reducíndose ou desaparecendo mencións a determinadas políticas públicas relativas á vivenda ou configurando o dereito ao traballo. De monstruosa e represiva debe ser calificada a posibilidade de castigar penalmente conforme aos principios xerais do Dereito, enunciada co gallo da proclamación do principio de legalidade penal. Este contido do TI avala unha posición de fondo contraria da cidadanía galega, na busca dun espazo participativo, libre, de decisión, a nivel europeo, no que pimen as políticas sociais sobre as neoliberais, e o respecto ás colectividades fronte ao individualismo alienador da nosa conciencia nacional e social. |