|
Un artigo de: Lourenzo Fernández Prieto [18/01/2005]
|
|
Fraga vive en Monte Pío a sede oficial do presidente da Xunta e dende que reside alí parece que estivera abducido por Pío Moa. Ese autor de éxito da máis rancia dereita sociolóxica que vende como historia a vella propaganda do franquismo sobre a guerra civil. Mais unha vez, Fraga acaba de sorpendernos cunhas declaracións sobre as orixes da guerra española que fixeron pensar a muitos que, como ávido lector que é, viña de devorar no Nadal a colección completa deste autor. Pero o conto é outro. Todo o que agora escribe Pío Moa xa fora mandado escribir polo propio Manuel Fraga cando era Ministro de Información e Turismo a Ricardo de la Cierva, no Servicio de Estudos da guerra civil que creou no Ministerio e que producíu un bon feixe de obras sobre a guerra. O franquismo necesitaba daquel mudar a vella Histoira da Cruzada por outra adaptada aos anos sesenta pero que viña decindo o mesmo: a culpa da guerra non foi dos que se alzaron en armas contra a legalidade senón dos que a perderon. A dereita levaba tempo sen utilizar estes argumentos retortos. A democracia deixáraos atordoados e só a extrema dereita atrevíase a contar as vellas historias caducas e falsas. Agora, coa axuda de Pío Moa e despois de tanto tempo voltan á carga. O que contan agora Pío Moa e Fraga dende a súa casa de Montepío é o mesmo de sempre pero adaptado aos tempos de hoxe para regocixo das súas hostes e para incidir no debate político actual. Onde había comunistas e anarquistas agora colocan aos socialistas, e por iso a insistencia na revolución do 34, e onde nacionalistas segue habendo nacionalistas. De aí a alusión a Lerroux e a suspensión da autonomía catalana durante a República como precedente para ilustrar a Zapatero no asunto do Plano Ibarretxe. A frivolidade chega ao tope cando se di que non pasou nada por aquela suspensión. Claro que se suspendeu á autonomía catalana, claro que houbo revolución de outubro, claro que se queimaron igrexas, muitas dende 1836, cen anos antes da guerra. Pero só os seus irmáns maiores deron un golpe de estado, iniciaron unha guerra e de paso provocaron unha revolución. Eses son os precedentes dos que falan. O franquismo, entre 1939 e 1975, utilizou machaconamente a lembranza da guerra para asustar e iso é o que busca Fraga. Pero non estamos no franquismo. Ou si? |