|
Antón Patiño |
|
O mundo é, ata onde podemos coñecelo, a nosa propia actividade nerviosa, máis nada. Nietzsche ("Fragmentos póstumos") A única realidade humana que existe é a realidade do mito. A realidade do soño. O conto do real alén do cruel "principio de realidade". Mais real mesmo ca o real. A tecnoloxía permite ir un chisquiño mais alá do real. O hiperreal é o ollo tecnolóxico da nosa realidade múltiple (amplifi cada, focalizada, apantallada). O simulacro vai amosar a mellor faciana (a máis convincente) do real. A realidade pasada pola peneira do espectáculo e a ficción elaborada en torno a trazos de verosimilitude van atopar un equívoco (mais eficaz) punto de converxencia. Platón inventou a TV: aínda que ninguen lle pagou os dereitos de autor. Novos escravos das renovadas cavernas catódicas para "espectadores cativos". Espectros e sombras. Unha pantasma percorre Europa (e tamén USA). Coaósmose onde realidade e soño celebran o pacto do enigma. O soño colectivo remexe no "inconsciente óptico colectivo" deica acadar pantasmas ben conservadas e presentables (para novo uso). Estratexias de reciclaxe xeralizada. Devir zombie. A ferramenta máis convincente é a estratexia chamada subliminal: só se nota nos seus efectos. Efecto "actualidade" e máis efecto "realidade" forman parte da mesma estafa xeralizada dos sentidos. A esquizofrenia das tendencias vai rematar no balbordo informe do todo-mesturado onde hai anos que vai parar todo o material refugallo das teorías á carta. O espello da ficción vén ser o rostro da alteridade. A posibilidade dun espazo "outro". A mirada do outro só pode sobrevivir na imaxinación e na resistencia humanista da plenitude sensorial. Big-Brother: (non temos boas noticias: nin vixiar nin castigar) seica no ollo de Deus do panóptico non hai ninguén. "Bateau ivre". Unha actriz declara en TV nun programa de Julia Otero: "Estou na miña busca. Teño inventado tanto, viaxado moito. Agora estou no meu mundo interior para ver se me encontro". [28.XII.2004] Case real: un pouco máis e podería ser real Sub-real: por baixo do real ou polas nubes. Alpinistas ou mergulladores de soños. Artistas da Condensación Onírica. Mestres do "real marabilloso". Arquetipo irónico da desfeita dos soños no faiado das derrotas. Efecto Narcose Colectiva: desprazamentos, metamorfose e condensación do mundo dos soños manufacturados, enlatados, con código de barras e máis etiqueta de prezo. Industria da persuasión. Democracia audiovisual mediática. A doxa constrúe o novo tótem na chamada opinión pública: o resultado do "todos-xuntos-separados" na masa informe do consumo e na paranoia populista. Arquivos, estatísticas, mentiras matemáticas, falsos informes absolutamente cribles, tráfico de datos, obscenidade branda. Sociedade Administrada do Desexo Colectivo. Capital Simbólico Transnacional. Parque temático humano. Soño entolecido da ansiedade. Efecto zapping xeralizado. Consumidores consumidos. Moreas de "prosumidores" cumprindo a inexorable "lei do desexo". Linguaxe colateral da usurpación permanente e do roubo das palabras. Resistencia poética para devolver as palabras á realidade dos soños. "Realidade" editada (formateada). Os amos da "realidade" elaboran a linguaxe simbólica dos nosos anceios. A incesante construción do "real": a interminabel socialización mediática do suxeito. Como bós cyborg xa non somos quen de recoñecer as partes orgánicas e as partes artificiais da nosa anatomía. Inxertos neuronais. Chips diversos. Tarxetas de plástico. Prótese móbil: "¡Me quedé sin batería!. ¿A neve parasitaria da pantalla de TV? ¿Non é neve? . |