VÓS SODES ANARQUISTAS? Rixidez e trascendencia da definición ideolóxica.

Aurelio Smith
Nalgún lugar e tempo na Galiza

Os soños acariciando as nubes na nosa intimidade, imaxinando novos horizontes de conciencia, novos mundos inminentes; os pés ben no chan da puta Realidade, a crúa expresión desta e os ouvidos ben atentos para a nosa comunicación e autorganización colectiva.

Como probabelmente moit.s de vós, hai bastante tempo que veño rabeando pola urxencia de adaptar as nosas intencións revolucionarias ás circunstancias de dominación nas que sobrevivimos agora. Porque penso que non acabamos de logralo.

Comprendo que estamos ante unha complexa problemática que non resolveremos con articulillos coma este. Comprendo a necesidade de manter a loita teórica contra o Poder e tamén a utilidade e significación das ideoloxías convencionais, especialmente cando os apóstolos da reacción queren decretar a fin das mesmas. E coñezo tamén o placer que pode producir na xente a identificación con elas, esto é o seu potencial de seducción. Pero penso que é chegado o tempo de trascendelas dunha maldita vez (isto non significa esquecelas nen traizoalas; non suporía xa que logo a súa fin, senón pola contra a súa rexeneración e rearme). Non as sentides ríxidas (?), impotentes (?) e inadaptadas (?) ante un Capitalismo Mundializado? Se cadra necesitadas de reformulación? Non vedes o pouco que serven para aunar esforzos e iniciativas? Non sentides a necesidade de replantexalas ou de recuperar o seu tronco común?

Os fundamentos ideolóxicos da esquerda actual apóianse sobre a base das construccións teórico-prácticas dos movementos de resistencia obreira do XIX: principalmente o sindicalismo e as diferentes variantes do socialismo. Dende aquela, o soño da unidade proletaria escúrresenos como area entre os dedos a pesares dos numerosos chamamentos e da conciencia sobre a súa necesidade. A unidade de acción non implica uniformidade de pensamento, sen embargo as ulteriores concrecións do movemento obreiro - marxismo, socialismos libertarios en toda a súa diversidade, revisionismo e socialdemocracia (sempre que falemos dunha socialdemocracia fiel á clase obreira, posto que abundan por aquí exemplos de traidora institucionalización), comunismo bolxevique e marxismo-leninismo, troskismo, maoísmo, prácticas autónomas etc-semellan hoxe temerosas de perder a súa identidade ante a mera insinuación dunha hipotética colaboración na praxe política. Parece como se, convertidas en dogma sentiran a existencia das outras propostas como unha ameaza e precisaran de afirmarse a cada paso como a ideoloxía máis coherente e emancipadora. Resulta obvio que tanto a necesidade compulsiva de afirmación como o excesivo encorsetamento doutrinal semellan máis síntomas de rixidez, e polo tanto de fraxilidade e febleza, que non de fortaleza. Por que non percurar fórmulas de sinerxia para que esa diversidade poida fortalecer a resistencia anticapitalista? Por que non sumar en lugar de dividir? Para cando unha única fronte de converxencia anticapitalista onde tiveran cabida as máis diversas ideoloxías da esquerda antisistema?

A flexibilidade non debe tampouco confundirse coa laxitude. Non falo de que pactemos e colaboremos con calqueira (lembremos que tamén hai anticapitalistas pola estrema dereita). Nen sequera que respectemos todas as ideoloxías (líbrenos o sentido común deses desatinos). Propoño que reexaminemos o contexto da loita anticapitalista e proletaria e reunamos as forzas auténticamente dispostas para esta. Porque a cotío seguimos a identificarnos con ideolóxías do século pasado, cando non decimonónicas, sen ter presente que as circunstancias nas que debemos organizar a loita hoxe son abondo diferentes como para non repensalas. Non pretendo aquí máis que insinualas, para dar conta da súa metamorfose. O rol político do Estado non é o mesmo hoxe que hai uns anos (fixádevos como, en certas situacións, mesmo pode ser percibido pol. cidadán/á como unha defensa fronte a un mercado totalitario e impune, ou como case o único axente capaz de sustraerse a ese totalitarismo). O Capitalismo pepetúa a explotación humana con métodos moito máis avanzados: utilizando fronteiras políticas, que por certo El non respecta, para definir unha proletarización extrema na Periferia que faga percibir a proletarización central como unha bendición; precarizando ata tal punto as condicións laborais que os obreiros da era fordista, con todas as súas penurias, serían hoxe privilexiad.s no imperio das ETTs e da desregulación; superando as súas contradiccións e mercando de paso as conciencias coa producción e venda de cachibaches varios que nos permitan non mirar cara nós mesm.s e cara á miseria ética na que transcorre a nosa vida, en fin...

Non sendo os mesmos Capital e Estado, tampouco debería ser a mesma a nosa actitude contra eles, e conseguintemente, tampouco as nosas posicións ideolóxicas. Eu non teño unha conclusión sobre isto (non sei moi ben cal é o meu camiño e malamente vou orientar o dos demais), pero de cara a sumar esforzos e facer certas cousiñas, quizáis fora mellor atender máis ao que nos une integrando enriquecedoramente o que nos diferenza: vivir a nosa ideoloxía sen caer na provocación estéril e tendo sempre presente que ninguén, nen persoal nen colectivamente, pode facer sempre o que quere, pero ten, obviamente, o dereito a non facer aquilo que non quere.

Por aclarar máis o exemplo: imaxinemos que o Estado fora unha entidade residual (só imaxinemos). Se así fora, aquela vella disputa acerca de conquistar o Estado burgués ou abolilo, polémica que dividira a I Internacional e ao cabo o movemento obreiro de maneira irreversíbel, podería resultar improcedente nas novas circunstancias. Tamén podería chegar resultar innecesaria no caso de que a fusión Capital-Estado estivera xa tan consolidada que ambos foran indiferenciábeis. E como esta, podería pasar con tantas outras teimas.

Os mecanismos de alienación tampouco son hoxe os que viñan sendo: tras sustituir agrietados púlpitos por exhuberantes platós, a alienación ideolóxica pode ser reproducida hoxe de maneira moito máis sistemática e efectiva, chegando a converter ao propio individuo no principal axente da mesma. Neste punto, si quixera pararme un chisquiño, porque creo que entronca co asunto da seducción das ideoloxías que estabamos a analizar. Efectivamente, tal como habitualmente funciona (constituindo moitas veces máis unha necesidade do Individuo, e polo tanto do Poder que ese individuo encarna, ca un requisito organizativo para a loita) unha ríxida adscrición persoal a unha ideoloxía ben determinada e ben definida parece ter ben pouco de liberador e si moito de identificación paralizante. Carnaza para un ego rezumante, a ultraidentificación ideolóxica actual persoaliza, aílla e descalifica máis que cordina e faculta. Nos medios alternativos, ou como queirades chamalos, tod.s somos hoxe en día grandes visionarios da revolución e cremos saber exactamente cal é o camiño. Canto nos costa tomar en consideración as ideas alleas para dubidar! Tod.s posuímos unha ideoloxía tan máxica e poderosa que estrana que o Capitalismo non estoupara xa en mil pedazos. Tod.s parecemos ser capaces das máis heroicas xestas revolucionarias. E, por veces, que claro parece ver todo o anarquismo? Certos rasgos actitudinais anarquistas semellan máis propios dun iluminado que se sitúa por riba do humano e do divino, que dun humilde vento de comunidade aberto a outros para convertirse en furacán.

O problema estriba precisamente aí: en que, en tanto que nosa, ou sexa, máis ou menos persoal (e tamén hai colectivos estrictamente persoalizados, isto é, definidos), esa ideoloxía só pode ser arma da reacción. Pasa como con estas autopercepcións que logo se convirten en prexuízos fronte ao outro: eu son así, logo non soporto ás persoas asá. Se nos distanciáramos un pouco deses prexuizos e da nosa autodefinición --persoal ou colectiva-- probabelmente poidéramos tender marabillosas pontes e descubrir novas dimensións d. outr.. Non pretendo dicer que esquezamos a nosa ideoloxía -moi ao contrario penso que é un elemento fundamental para a emancipación humana e un instrumento necesario para organizarnos- nen tampouco a nosa identidade, que entendo tamén moi necesaria para enfrontar un mundo que pretende robotizarnos, senón que, do mesmo xeito que as nosas costumes e cosmovisións non deben impedir a abertura ás doutros pobos e culturas, sintámolas máis como riqueza a compartir que como ortodoxia a defender, máis coma ponte que coma valado. En todo caso, se se quere, máis coma un filtro que coma un muro. Se cadra así comezaríamos a reintegrar o atomizado mapa político da esquerda social na Galiza. Porque manda carallo! E que non nos damos de conta? Cantos grupos e grupúsculos hai hoxe montados? MNG, AGIR, AMI, BDG, NOS-UP, FPG, PL, PCE, PCEr, CNT, CGT, CIG, CUT, Comunistas Revolucionarios... (por non falar das organizacións declaradamente integradas no Sistema ou doutro tipo de agrupacións). A cantas persoas integran cada unha? Que capacidade de intervención teñen así? En cantas ocasións cooperan? Ollo, paréceme de puta mai que existan, pero o que xa non me parece tan ben é que anden poñéndose a parir tan a cotío e que non sexamos quen de artellar unha plataforma auténticamente anticapitalista, especialmente cando certas vertentes da revolta antiprestige e contra o chapapote político parecían apuntar nesa dirección. Pero é que acaso non hai organizacións e prohomes moito máis nocivos contra os que dirixir a nosa atención?! Eu atópoos en cada esquina...

Na Galiza hoxe, a esquerda tende a ser maioritariamente nacionalista, e, de cara a posíbeis colaboracións con esas forzas, as compoñentes ideolóxicas dese nacionalismo deben precisarse (como, polo demais, tamén as do anarquismo), porque será sobre esa concreción onde se poidan estimar ou desestimar apoios. Neste punto, e dende unha perspectiva libertaria, estas dependerán da volición neoestatalista que amose o nacionalismo en cuestión. Sempre alerta, armados de sentido común e cos pés na terra, poderemos discernir que accións ou campañas con outros colectivos poden debilitar a dominación e posibilitar unha nova situación máis emancipada e cales perpetúan esa dominación, reprodúcena na forma dun novo Estado ou significan un intento de instrumentalización ou manipulación. Pero, de entrada, debemos estar abertos á comunidade, non vaia a pasar que a estensión universal e a concentración do Poder Imperial acaben por converter os matices ideolóxicos en anécdota ante a urxencia de combatilos, acabar convertendo en superfluas as nosas diferenzas tácticas.

Temos cada vez máis ideas, e, en certos círculos alternativos, a reflexión e o debate crítico acadan unha presencia máis que razoábel, pero sen embargo, e salvo en circunstancias excepcionais, apenas conseguimos chegar ás masas desideoloxizadas -ou demasiado ideoloxizadas na ideoloxía da imaxe e o espectáculo- nen denunciar significativamente (para eles) a alienación das súas preocupacións máis inmediatas.

Concibámonos íntimamente como prefiramos, masturbémonos ideolóxicamente o que desexemos, pero non consintamos que esas categorías se convirtan en muros fronte a todo/a aquel/a que non comulgue co noso catecismo. Basta de obsesións proselitistas! Debemos ter presente que o propio Sistema e a crúa Realidade, con todo o sufrimento que implican, aportarán máis militantes á disidencia que todas as nosas arengas. Estemos aí, simplesmente aí, receptivos/as e atentos/as. Entretanto, continuemos coa crítica, continuemos coa auto-organización, continuemos coa loita, continuemos co debate ideolóxico quen queiramos, pero deixemos de comer a bola e de raiar por raiar a quen non desexa escoitar ou a quen se posicionou xa autonomamente nese debate, deixémonos de prédicas e abrámonos, libres de prexuízos, ás outras experiencias e percepcións si compartidas. Se cadra, dese xeito medraremos.

Así que, en resumo, creo que pasa con isto da ideoloxía como con aquelas verdades reveladas pronto convertidas en catequéticos dogmas. Máis vale, como dicía Galeano, darlles de almorzar dúbidas cada mañá para que, lonxe de definirse e pecharse, poidan abrirse e reformularse constantemente. Deste xeito, sempre en movemento, ricas pero non sabidas nen definidas, poderán abrirse a outras subxectividades, tanto propias como alleas, para xunt.s convocar accións cotiás, moitas veces anónimas, que son as auténticas obras revolucionarias e transformadoras. Emancipadoras na medida da súa inmediatez: toda acción que non é directa non é en último termo senón representación. Decídeme pois: que significa ser anarquista hoxe?

Loitar non é lanzar apostas inútis nen brillar na cima da revolta, senón construir dende a base, en contextos liberados das rutinas capitalistas de producción de valor, valores que poidamos compartir e que den profundidade ás nosas accións. Todo isto supón unha"percepción" completamente diferente das "relacións". Só unha comprensión do mundo sobre bases distintas permitiría construilo sobre bases distintas. Maldeojo, (Cuadernos de crítica social) 2001.