60 días despois do 18 de xullo de 1936 o Auditor Rendueles ordenara a execución sen xuízo previo de 167 veciños de Ferrol e comarca. Noutros 45 casos permitira, por despiste ou por presións externas, un simulacro de xuízo sumarísimo co mesmo resultado: fusilamentos nocturnos contra o muro do cemiterio de Canido; fusilamentos diúrnos exemplarizantes na «Punta del Martillo» no Arsenal.
Na súa frenética actividade daqueles días, José García Rendueles amosábase ó mesmo tempo meticuloso e desentendido: meticuloso para sinalar as víctimas entre os veciños da ría que, dende o ano 31, significáranse polas súas opinións e actuacións a favor da República, contra o clero, contra o fascio; desentendido e apático para xustificar esas eleccións e a conseguinte execución que despachaba con breves e lacónicas notas, nas que invariablemente concretaba o delito como: «...los cuales confesaron pertenecer a asociaciones marxistas».
Moito antes que os propios mandos militares alzados, o Auditor Rendueles sabíase victorioso, e sabía tamén que esa victoria chegaría polo terror indiscriminado que paraliza ás persoas e merma as capacidades de resistencia. Con esa convicción deixou escritas varias encomendas ó Comandante do Arsenal nas que se presentaba unha lista de persoas condenadas, seguidas da indicación: «procede que V.E. se sirva disponer que, a las 5 de la tarde de hoy, en la punta del Martillo de este arsenal, y en presencia de las Fuerzas, para que ello sirva de ejemplaridad como lo requieren las actuales circunstancias; sin previa formación de juicio ni más trámites, sean pasados por las armas». «NI MÁS TRÁMITES», agora fáisenos incrible, pero era así. Para a cuadrilla de fascistas que gobernou este país demasiado tempo a vida de moitos cidadáns era un molesto engorro que había que eliminar. Temos buscado nos diccionarios de linguas civilizadas algún calificativo que condense as cualidades do Auditor Rendueles e non o atopamos. Só a rabia permítenos acumular as voces de CÍNICO, DEMENTE, FANÁTICO, CRIMINAL... e nin así nos acercamos a esencia deste personaxe.
Coa toga que o Auditor Rendueles vestía para firmar estas xoias letais, unha costureira de Pardo Baixo coseu a sotana que levaba posta o cura da igrexa do Pilar o día 10 de Marzo de 1972, cando animou ás Forzas da Orde a instalarse no campanario coas armas automáticas.
Ese día o cura Guillermo ^algúns chamábanlle don Guillermo- recibiu con alivio a visita dos antidisturbios chegados a Ferrol recentemente. Con alegría interna e gravidade no xesto, con frases sibilinas de escarmento, as mans que se retorcían envolvéndo unha a outra, defendeu a proposta de cortar polo san e repetiu o que viña propoñendo nas súas homilías miserentas sobre a folga dos traballadores da Bazán: separar os obreiros malos dos bos; a protesta social era soberbia contra deus; os humildes debían recapacitar e volver ó traballo; deus e o Caudillo non podían permitir que España voltase ó caos do marxismo.
Despois de intercambiar co outro xefe da orde lindezas deste calibre, encerrouse a rezar na sancristía mentres dende o alto do campanario consumábase a infamia, co repiqueteo que separaba o grao da palla dos manifestantes das Pías, e deixaba dous corpos sen vida para sempre. CÍNICO, DEMENTE, FANÁTICO, CRIMINAL...
Naquelas datas baixo a sotana do cura Guillermo aniñou unha panda de tarugos que se autodenominaban «guerrilleros de Cristo Rey». Este grupo alimentado moral e ideoloxicamente coas pestilencias que emitía a famosa sotana intentou, sen conseguilo, que en Ferrol se cantase o «cara al sol» e «montañas nevadas», en lugar das habaneras ás que son tan afeccionados os indíxenas. Un dos personaxes afíns a este grupo, e que non destacaba absolutamente por nada caeu nun tarro de pegamento, converténdose en Arsenio Fernández de Mesa.
Polos seus propios méritos tería pasado polo mundo totalmente desapercibido; pero «voilà» nunha tarde de romaría «pija» Romay Becaría fixouse no garbo dos seus andares e o nomeou xefe do PP en Ferrol. Tras construírse a golpe de teléfono un impresionante currículo no que non había nada, a correlación de forzas entre o birrete e a boina o colocou á fronte da Delegación do Goberno en Galiza. O resto xa o saben vostedes...
Apareceu un barco ferido e cargado de petróleo, e o grande Arsenio viu a oportunidade da súa vida: «después de esto ministro», díxose. Seguindo as indicacións doutra lumbrera coma el, ministro de Fomento, e desoíndo reiteradamente o asesoramento con sentido común que recibía dende sectores profesionais da Mariña Mercante, mandou o barco a paseo, Atlántico arriba e abaixo, para pasmo dos seres vivos e ledicia de Paco Vázquez, ata que o afundiu nun alarde de inoperancia e «peito lobo» que non se recordaba dende Fernando VII.
Actualmente, o máis parvo con diferencia daquela panda de zoquetes pavonea a súa astucia e incapacidades polo Parlamento de España, concretamente na comisión que «entende» o asunto da crise do sector naval, gracias ós votos de seres parecidos a nós.
Si nos dous casos anteriores a suma de calificativos non cubría a realidade, neste caso abonda con PATÉTICO.
|