SEMPRE NOS QUEDARÁ CORUÑA

Xosé Manuel Pereiro (03-11-2004)

"Un día así no se olvida", di el. "No", admite ela. "Los alemanes iban de gris y tú ibas vestida de azul", rememora el. Rick (Bogart) e Ilse (Bergman) recordan aquel último día xuntos en París, no que o amor estaba máis presente nas súas vidas que a entrada do exército nazi na capital francesa. Acordeime deles onte no poleiro de prensa do salón de sesións de María Pita.

Eu fun camiño do pleno do concello cunhas reflexións no peto, en previsión de que a cousa resultara ser un plomo. A primeira, o que conto sempre do nome da capital de Costa de Marfil, Abidjan. Parece que lle puxeron así os exploradores franceses que ó desembarcar, preguntáronlle (en francés) a un indíxena cómo se chamaba o sitio. O indíxena, un pailán pouco cosmopolita, non entendeu nada, pero polo ton imperativo debeu pensar que lle preguntaban que facía e respondeu (no que el falaba, claro) "veño de apañar herba". Os outros quedáronse co final, e entenderon "Abidjan", que no idioma de alí virá significando "-ñar herba". Non lle pasou soamente ós franceses. Aquí falamos do río Támesis porque os españois históricos viron nun mapa que o río se chamaba Thames (tal e como o coñecían en Londres) ou Isis (como aínda se empeñan en chamarlle en Oxford), así que xuntaron os dous nomes. Sen ir tan lonxe, a cidade que en España se chama desde sempre Oporto, chámase así porque houbo uns burros non menos históricos que xuntaron o-Porto. De feito, a miña iletrada opinión é que Coruña soamente necesita o artigo en galego e que o La é un complemente innecesario e traído polos pelos da traducción. De feito, na planta nobre de María Pita hai unha ampla mostra de antigos selos postais na que (ademais de cousas como Fuensagrada) figuran unha chea de veces Coruña e la Coruña, pero ningún La Coruña. Tamén figuraba la Coruña na documentación da expedición Balmis que levou a vacuna a América, exposta na Domus. Á vista doutras experiencias o raro é que o nome castelán da cidade non sexa Acoruña (agora que o penso, tamén Agrela se convertiu en La Grela).

Así estaba, co meu petiño de reflexións, cando comezou o pleno, e tiven que tirar con elas. Os áridos trámites municipais e espesos convertíronse nun espectáculo de luz e son. Os outros grupos foron máis ó pescozo do contrario, pero o do PP foi apoteósico: desde a exhibición de camisetas tipo le-dedico-el-gol-a-Paco ata a unha frase como "una cosa es lo que deseamos, otra lo que nos gusta, otra lo justo y otra lo legal" (que recorda aquela de Kiko Veneno: "todo lo que me gusta es inmoral, es ilegal o engorda"). Por non falar da traca final, cos concelleiros cruelmente fustrigados a narigazos. Pois estaba eu apampado no tal poleiro de prensa, e cavilei en que, neses momentos, 125 millóns de norteamericanos dispostos a votar decidirán o rumbo do mundo por unha marxe quizais de poucos miles de papeletas. Ou nese outro goberno noso, (máis) paralizado, cunha dimisións postas enriba das mesas agardando que o ouro mate ó basto ou viceversa. E acabei pensando no goberno de aquí-aquí. Como lle decía Ilse a Rick: "El mundo se derrumba y nosotros nos enamoramos". Do L.