MUNDO-PODRE

Mar de Tinta, Ferrol (2/10/2004)

Mundo-Podre
Porque non se ve A Malata
E ao Mar de Mugardos abríronlle o capó
Para enchelo de veleno

Mundo-Podre
Porque queren erguer edificios de oficinas nas prazas
Os que lle queimaron o monte á mesmísima Virxe de Chamorro

Mundo-Podre
Porque os cucos ocuparon a casa dos avós
E a nós déronnos morte, exilio e máis cachelos.

Mundo-Podre
Porque aínda hai nachos que se venden ao peso, e venden aos fillos e aos fillos dos seus fillos.
Porque hai a quen non lles abonda con rías e montañas, cun traballo digno e con ter unha linda moza no Inferniño e catro bos amigos caranceiros.

Mundo-Podre
Porque seguen aí cas baterías cargadas

Xiao Gudes
Mar de Tinta, Ferrol (2/10/2004)

 

Para cada un de vós >>

(Para Xoán Porto e Cristina Mariño,
capitán e serea.)

MAR DE FÓRA
Sae ao mar outro barco
cada vez que escribimos...
- Poetas,
xente de auga e de terra
¿que buscades no mar?
¿e que atopades logo
nese caldeiro mediado de metáforas?
Dígovos moi en serio:
non é a poesía
quen fai de Ulises mariñeiro.
Na esquiniña dun mapa
hai unha ducia de salgadas insuas,
peladas illas, furadas todas
pola raposeira.
Dos chambos no peirao
vai e vén
a pel dos mareantes.
Ti pasarás a vida nesas illas.
O mar,
enorme labradío de poetas...
- Seica os poetas
non credes nas metáforas,
e o mar é a vida mesma.
¡Non hai literatura!
¡A vida toda,
esa fermosa viaxe!
Falar galego, amar,
acariñar o lombo de Turquía,
abrir as xagas de Xerusalén
para beber a penas.
Ambicionar oriente,
a marsellesa
e o cáliz de Khayyám.
No serán cariñoso deste verán
de Ferrolterra e mar
pregunteille a Simbad,
de novo a Marco Polo
e ao noso Magallaes.
¿non é a poesía
quen fai de Ulises mariñeiro?

(2000)