Extraído de:
www.xornal.com |
Non sei se lembran de El verdugo, de Berlanga, onde un pobre home, para poder mercar un piso e casar, accede a suceder ó futuro sogro no oficio de despachar xente. Se hai algún problema que caracterice á sociedade española nos últimos tempos é o de procurarse un teito. Antes por falta de pisos e hoxe de cartos para pagalos. Ata o meu rapaz, que recen mudou os dentes, me preguntou o outro día se nos quedaba moito tempo para acabar de pagar a hipoteca do piso. Así que non entendo moi ben que hai de escandaloso nese secretario xeral do PP de Santiago que xestiona vivendas de protección oficial que constrúe nesa cidade un "organismo amigo" (o Instituto Galego da Vivenda e o Solo) que dirixe un compañeiro de partido (tan compañeiro que vai na súa candidatura ó próximo congreso). O denunciado leva unha de cada cinco vivendas que vai construír o IGVS e tamén leva arredor do 5% do que pagan os adxudicatarios dos pisos. De todos menos -supoño- de dous, que veñen sendo os seus fillos. Parece que todo eso non é ilegal, nin siquera irregular, e para min que incluso é loable. Que menos pode facer un pai que procurarlle ós seus retoños un fogar, onde podan criar axeitadamente ós netos. Que un deses fillos casualmente favorecidos cunha vivenda social sexa un dentista que conduce un Jaguar, non nos pode inducir a sacar conclusións precipitadas. Os dentistas non ganan o que nos parece a todos cando saímos das consultas, e sen dúbida este do que falamos investiu no Jaguar para chegar axiña ó traballo e así brindar un servicio competitivo á clientela. Ademais, xa o di o nome: "pisos de protección oficial". É máis, creo recordar que cando Paco Vázquez e Pérez Touriño saíron do Ministerio de Fomento logo de amañar o tema do porto exterior, os seus primeiros comentarios de lóxica satisfacción foron para o asunto prioritario que os levara alí: as vivendas sociais do porto interior. "Vamos a solicitar un piso", dixo o alcalde. "Como jóvenes", engadiu o secretario xeral. Se Vázquez e Pérez Touriño están dispostos a optar a un piso protexido como se fosen un Fran e un Milucho calqueras, xa me dirán como está o tema. Mesmo me parece a min que a volta de Aznar á executiva do PP ou a decisión de Manuel Fraga de renovar mandato obedecen no fondo a ese temor de deixar de estar a cuberto. "Te dicen que vayas a completar formación a Estados Unidos, y al volver, que te busques la vida", debeu pensar o ex presidente. "Vou picar eu co truco da residencia bonita onde te atenden divinamente", cavilou o re-presidente. Que España sexa o país de Europa de maior consumo de drogas, segundo vén de informar a ministra de Sanidade, débese precisamente a ter á mocidade na casa familiar. Como a xente nova non ten que pagar hipotecas ou alugueres, pero si aturar batallas paternas, métese nos estupefacientes porque pode pagalos e para evadirse da convivencia interxeneracional. E se en Galicia a porcentaxe de consumo é menor é porque hai xente preocupada polo porvir dos fillos, coma este denostado pai de Santiago. Eu ó meu voulle abrir unha cartilla e obrigalo a que meta alí os cartos, e non en gameboys e videoxogos, que ós 35 anos quéroo fóra da casa. |