Un artigo de: Xabier Cordal [21/06/2004] |
Os analistas políticos -soen ser homes- andan cun despiste. Resulta que moito analizar moito analizar e nas últimas eleccións disimulan un detalle completamente fóra do común. Sendo case todo Europa ermo escéptico, cunha abstención que atinxiu moitas veces a metade do electorado, sobrevén o magno desafío político-cultural que pon incandescente o ceo das urnas. E eles nada. Foi así: a chamada provincia de Orense, invención do Baixo Imperio español en 1833 (tan ourensán podería ser Lalín coma Monforte, pero non lles cadrou), en masa, votou Europa. Coma un só home, o electorado correu ás urnas, e non sería porque estivesen ao fresco, ridiculizando a taxa nacional de participación, a española, a británica, a francesa e a doutros países finos. Beade, Muíños e Nogueira de Ramuín foron vangarda: superaron o setenta por cento do censo. Moitos máis concellos se achegaron a esa cifra. Hai que considerar anecdótico, aínda que non deixe de ter a súa grandeza, o feito de que o tal Ourense mostre os peores índices europeos en benestar, en sanidade, estradas, renda anual, en traballo. Nin sequera puido a provincia ser agasallada coa especialidade da Unión, que é construír paseos marítimos no que fora antano terreo industrial. E sería por falta de costa.
CODA, seis días despois Aínda así, o electorado de Nogueira de Ramuín percibiu a sutileza do aparente abandono, e dixo: "se nos abandonan, pois mira". E votaron, ao PP, libremente, que diría o poeta; sobre todo a Terceira Edá. E alí seguen, sentadiños, conxurados na postal do parque, finxindo con modestia asombrosa ("ai, eu de política non lle entendo"). Daquela saúdan o coche que pasa, consultan o móbil, soportan a luz da tarde a caer sobre os densos e febrentos magnolios; un can mira aos lados para emigrar á beirarrúa de enfrente. Este ano hai moscas por todas as partes, métense nas casas e uliscan a varredura. No escaparate da tenda queceron os regalos de porcelana. A xente nova destece o sono antes de irlle matizar outros cubatas ao sábado. É a festa da democracia. |