O CAMIÑO DE VOLTA

Eduardo Haro Tecglen. Texto extraído do Catálogo FotoPress´03 acompañante da exposición fotográfica "Las puertas de Europa" de Matías Costa.

As portas polas que un día saimos, polas que Europa fuxía de si mesma, eran xa estreitas e arriscadas. Os gardas das portas péchanas agora á entrada dos que fuxen doutras crueldades. Non. Non outras: son as mesmas. A crueldade non tén distincións, nacionalidades nin uniformes: está por debaixo de todo iso é universal.

Non sería xusto chamar a este peche e a estas capturas, ás veces a estes depósitos de cadáveres, crueldade democrática. Énos máis doado dicir crueldade nazi ou fascista, dictatorial, tiránica. E en fin, as crueldades de aló foron as que nós mesmos fomos sementar.

Occidente é un grande culpable. A terra "dos homes contra o humano", como dicía Tonybee.

Nós actuamos a través da invención da legalidade e o uso renovado das palabras. Nosas fronteiras fundáronse como un canto á liberdade: na cidade de Schengen, o 14 de xuño de 1985, cinco repúblicas acordaron declarar libres as súas fronteiras. Pouco a pouco fóronse unindo outros, ata que foron xa todos os da Unión Europea e algúns máis   que se sumaron en 2002; todos ufanos, todos enchidos de que a Europa dos mortos nos aramados rematara para sempre. Os mortos propios. Nosa longa lista de perseguidos, de asasinados ou encadeados, ou de matanzas históricas sobre as que logo se aplicarían os grandes pintores a ilustrarnos, rematara.

Sen embargo os reunidos en Schengen estaban facendo algo completamente distinto: estaban pechando Europa aos de afora. Era un cárcere ao revés: os reprimidos, os maltratados, os prohibidos, aos que pronto se lles chamaría ilegais, eran os de afora. As veces as organizacións humanitarias, cun sentido xurídico que noutros momentos foi valioso, protestaban porque estes excluidos que querían filtrarse na Europa farturenta, arropada e cómoda, foran chamados ilegais : sen embargo, sóno. Están fora das leis de todos e de cada ún dos países; se se lles captura, son delincuentes, incluso dunha clase superior no mal porque as súas faltas convírtense en delictos por pura suma, e porque as súas penas son especiais e céntranse no pior: a expulsión. E, máis alá, a devolución aos seus países de orixe. Son os ministros da policía (interior) os que asinan; cos dos xuices (xustiza); e ás veces colaboran con eles os da guerra (defensa), que electrifican, dotan de radares, de faros especiais, aos que o tratado, no seu texto básico, que é o inglés, chama aliens: alleos, ou alieníxenas.

Os que non son os verdadeiros habitantes dos países que suprimen as fronteiras interiores, exclusivamente para eles, e que nalgún momento fan desaparecer esa liberdade dos xenuinos cando se sospeita que estes vánse manifestar en calquera das cidades onde a autoridade internacional vai definir outros nomes da liberdade de circulación que un día proclamou a ONU: pobre ONU, convertida en máquina de dar permisos para guerras. Guerras contra os alieníxenas, verdadeiros marcianos de ciencia ficción.

Quizais non sexa conveniente, ou non sexa tolerable, ou sexa perseguible, polas novas leis democráticas conxuntas ou de cada nación, explicar que se trata sempre da única guerra: sexa a de Afganistan, as do Golfo ou as do país extinguido que se chamou Iugoslavia. Trátase sempre de manter as fronteiras pechadas entre os que comen e os que non comen. Se veñen subrepticiamente, deténselles e devólveselles. Se pasan o Río Grande- porque os Estados Unidos son gardas notables destas fronteiras, fora de Europa e dentro delas- ou o estreito de Xibraltar, dáselle caza; se van máis para alá e son un perigo, aínda que sexa imaxinario ou potencial, ou meramente inventado, se lles destrúe: as mellores armas do mundo, as máis modernas, derróchanse sen preocupación sobre eles.

Voltar ao estado da Idade de Pedra a quen as penas saiu dela, ou se aproximou lixeiramente a Edade Media porque os productos, as ideas ou os cartos para achegarse máis se lles negou, en forma de patentes para as menciñas, de colexios ou universidades e libros para seus idiomas ou de monopolios coidadadosamente organizados polas multinacionais globalizadoras, que crearon con estes nomes, e outros que veñan, a prohibizón do que noutros tempos se chamou internacionalismo   ou se fundou tamén co nome de internacionais.

Non é un despilfarro o das armas, senón ún dos seus procesos: hai que gastalas para poder fabricar máis co consiguiente beneficio para os industriais, o do que Eisenhower - xeneral e presidente dos Estados Unidos- chamou "complexo militar-industrial", que consideraba malo para o desenrolo do seu país. Moito pior está sendo para os demáis.

Estes seres chamados polas nosas leis aliens , homes e mulleres e nenos e anciáns (fora dos nosos delicados organismos de dividirnos e fragmentarnos por idades e sexos), tratan de chegar como os insectos que voan cando a terra é seca e baleira: maldecímolos.

Son estas sombras que fotografía Matías Costa, viaxeiro libre pero denunciante e testemuña do que ocorre ás portas de Europa: estas caras demacradas, ou esas nais xestantes que esperan ao ultimo momento crendo que seus fillos terán a nacionalidade do país no que nazan ("nación" é onde se nace); pero esa era unha idea anterga, de cando non eran enimigos, e a e xa non se respecta: devólvese ata os nenos que quedaron sós, saltando por riba de leis coidadosas, ou engadíndolles artículos, apartados, notas ou dados de xurisprudencia, nos que a linguaxe aprendeu o coidado democrático e trata con moitisimo respecto ás súas vítimas.

O sistema desenrola tamén organizacións -non gubernamentais, dícese: os gobernos subvencionan a unhas, mais non a outras- ou acoden os mecanismos clásicos das relixións caritativas, que antes foron aos países precedendo aos guerreiros e ao aparato administrativo, para organizar a colonización e para inxertar os xermes da obediencia, do medo; e da dúbeda sobre relixións ou crenzas ou culturas propias (probablemente, non mellores) ás que se empezou a chamar supersticións. Non hai nada en contra das persoas que realizan estas axudas: a das xenes militares, como a Cruz Vermella, ou civiles; e menos contra quen se sacrifica   individualmente crendo que están salvando almas e algunhas veces corpos a conta do seu e de seu sacrificio. Os que estaban ao outro lado cos seus lábaros xunto ás orgullosas bandeiras agora traballan neste: nas fronteiras de Schegen. Un brazo dos estados axuda e cura, protexe e consola, mentras outro dos mesmos estados corta o paso, encadea, persegue e expulsa ás mesmas persoas. Un equilibrio político e económico. Aos supervivientes do xogo de Occidente permita ou castiga, toléranse por varios motivos: para que fagan o traballo que os do interior rexeitan, ou para que compitan con eles se é necesario baixar os salarios. Traballo negro: non en van leva o nome da raza, a maioritaria dun continente que agora está en extinción polas revolucións da fame contra as castas que nós puxemos sobre eles, froito das nosas escolas militares e algo das nosas universidades elitistas; polas guerras entre sectas distintas que fomos capaces de unir nunha soa nación, ou entre as unitarias que partimos en diversos territorios, todo en función da conveniencias das Metrópoles, como o foron seus portos, as industrias, seus ferrocarrís e as súas carreteiras, os cultivos e as fábricas do que necesitábamos e que agora son inutis para eles cando xa non nos interesan. Escribiráse mellor a historia das colonizacións e as descolonizacións cando se relacione coas necesidades imperiais.

As portas kafkianas de Europa; as de Gran Bretaña que agora son un orgulloso tunel, por onde sairon a crear   o máis amplo, cruel e productivo Imperio da Idade Moderna; as de Xibraltar, polas que fuxían nas pateiras de ida os "roxos" aos que Queipo exterminaba en Andalucía ou polas que sairon conquistadores de África (os "xenerais africanistas", que logo volveron para conquistar España de seus españoles libres), e os mouros e os sefarditas que escapaban da "Reconquista". As de Italia, por onde se emigraba a construir un país - cos españois, cos franceses, cos xudeus de Europa central- como Arxentina, da que hoxe se emigra pola conquista feroz da globalización, e da colonización interior dos seus militares e seus políticos. Portas de Europa, hoxe erizadas de barreiras para que non veñan a que lles colonicemos a domicilio máis que o que nos convén para nosos mercados. E ata para os ilícitos: a prostitución. O pequeno   (dos grandes encargámonos directamente nós). Non se van deter. Nin poderemos exterminalos.
traducción expoplanetarium