|
O 11 DE SETEMBRO DERRETÉUNOS O CEREBRO |
| Marco D. Eramo. [Traducido do francés para La Haine por Felisa Sastre. Finalmente traducido ao galego.] |
| Estes días, o planeta, pensativo, pregúntase de que xeito o 11 de Setembro cambiou para sempre o mundo e a nosa vida. Dende o control da nosa intimidade ata a inseguridade, todo unha serie de consecuencias foron analizadas de arriba a abaixo mais nunca se mencionou un dos cambios. O 11-S fíxonos máis estúpidos: os avións que se estrelaron contra o World Trade Center non fundiron só o aceiro das Torres Xemelgas senón que nos derretiron tamén o cerebro. O dano colateral máis devastador é que nos esnaquizou a nosa capacidade de razoar. Non se pode explicar doutro xeito como en cinco anos ningún político, ningún filósofo, editorialista, ou lingüista intente seriamente analizar o concepto que, dende aquela fatídica mañá de setembro, tiraniza o campo semántico do noso debate político, a saber, o concepto de "guerra contra o terrorismo". Analizar significa evaluar se esta expresión debe ser tomada literalmente ou en sentido metafórico, ou en sentido connotativo ou, se pola contra, non é máis que un pseudo concepto. É
seguro que non se pode tomar en sentido literal: o terrorismo é
unha técnica concreta da arte da guerra, como a guerrilla ou
o paracaidismo. Con esta acepción, declarar la "guerra ao
terrorismo" ten tanto sentido como declarar a guerra ao "paracaidismo".
Ou, por seguir co tema, o mesmo sentido que unha "guerra contra
a guerrilla". Pero, se non é en sentido literal, De que
outra forma entendelo? Pero ata "guerra contra os terroristas" é unha expresión esbaradiza porque nela mestúranse suxeitos diferentes, con obxectivos tamén diferentes e con ideoloxías distintas, unicamente polo feito de que practican unha forma de loita común: así, declarar a guerra aos "guerrilleiros" incluiría aos vietcongs e aos contra sandinistas, ao Che Guevara e a Savimbi. Ademais, "terrorista" é en si mesma unha definición heterónima: ninguén se considerará a si mesmo como terrorista, senón que serán sempre os seus inimigos quen o cualificarán como tal. Para os nazis, os maquis franceses eran terroristas; para a potencia colonial inglesa, o terrorista era Menahem Begin; para os franceses, os terroristas eran os militantes da Fronte de Liberación Nacional arxelino; para os soviéticos, o terrorista era o afgano Ahmad Shah Massud; para os israelitas, os terroristas son os de Hezbollah. Con todo, agora, para os franceses, os terroristas de 1940-45 son heroes da resistencia; para a Alxeria pos colonial, os mujahidines son mártires da independencia; para os israelitas, Begin é un pai da patria (e a comunidade internacional honróulle co premio Nobel da Paz); Massud, foi recreado en varias series e películas hollywoodienses como o "león do Panchir". Diso, dedúcese que "terrorista" é o termo co que se designa ao inimigo durante o conflito e, unha vez acabado este, convértese en inimigo vencido (en Estados Unidos, ninguén se atreve a chamar "terroristas" aos vietcong porque gañaron a guerra). O valor histórico do termo é, por iso, nulo. Terrorista é calquera inimigo ao que nos guste definir como tal.
Mondialisation.ca, 13 de setembro de 2006. Publicado inicialmente en Il Manifesto. |