PARA QUE NUNCA MÁIS
Colectivo Mar de Tinta (...) [Confirmade o voso apoio] paraquenuncamais@yahoo.com.br

O colectivo Mar de Tinta promove esta iniciativa e solicita o voso apoio e aportacións para darlle continuidade ao traballo común destes últimos dous anos.

 

Para que nunca máis: clientelismo VS. democracia

A Plataforma cívica Nunca Máis vén de convocar o Foro da Verdade para reflexionar sobre o acontecido no ano e medio trascorrido desde o desastre do Prestige. Consideramos que é o momento de recoller todo o traballo realizado e pensar o futuro inmediato en termos de avance democrático. É por iso que propoñemos seguir traballando xuntos para erradicar as causas últimas desta crise. Pois entendemos que para o progreso de Galiza, para resolver os nosos problemas entre todos, para manter e reforzar a nosa dignidade é indispensábel conquistarmos a democracia.

A persistencia das chamadas redes clientelares non sorprende xa a ningún analista por moi afastado que estea desta realidade vixente. Como sabemos, Galiza constituiu ao longo da súa historia un caso paradigmático de caciquismo político. Segundo os observadores cualificados, boa parte da sociedade galega segue aínda hoxe sometida a redes políticas baseadas en intereses particulares. Este auténtico sistema de dominación que opera á marxe da legalidade vixente sírvese das institucións e das organizacións democráticas para lexitimarse.  

O clientelista non é un vínculo político universalista. O patrón ofrece favores persoais constituindo unha rede de intereses e pactos privados. Cara arriba, garantindo ó político ou ó partido a bolsa de votos pra manter os seus espazos de poder. Cara abaixo este sistema distribúe privilexios entre as familias que desempeñan un papel elitista ou representativo. Estamos a falar de cargos públicos, postos de emprego, subvencións, concesións, contratos, exencións e outros beneficios de diversa índole. Estas novas redes compleméntanse coas distintas formas legais e institucionais máis ou menos modernas. O certo é que o clientelismo é un xeito de facer as cousas á marxe da legalidade e baixo o imperio dunha moral particular.

As prácticas clientelares non son só unha doenza dun certo sistema democrático. O clientelismo político é un fraude para todo o sistema de relacións e contamina fondamente a sociedade civil. Todo indica que é este sistema de dominación, herdeiro do caciquismo, quen continúa a xerar os procesos de marxinación e exclusión social que manteñen a lacra da emigración como único camiño para aqueles cidadáns que non están perfectamente integrados no sistema. Lembremos que o noso país é unha das rexións europeas menos desenvolvidas incluso para os indicadores de prosperidade ao uso. Abonda dicir que hoxe esta sociedade depende de axudas públicas para subsistir econonomicamente o cal non fai senón cebar o porco do clientelismo político, onde as elites desempeñan funcións de intermediación, e afastarnos de calquera dignidade que podamos proclamar.

Que as eleccións sexan formalmente democráticas non demostra que a sociedade sexa plenamente democrática. Por iso é tan importante auditar os procesos electorais como desenmascarar o feito clientelar e procurar as ferramentas que incidan na súa erradicación.   Debemos observar se as eleccións e os outros elementos de afirmación democrática funcionan correctamente, pois é alí onde se enfatiza ideolóxicamente o carácter voluntario do vínculo.

Os elementos que compre definir en relación co depauperamento do terreo de xogo democrático son múltiples: clientelismo, carrexo de votos, voto cativo, voto útil ou voto castigo, abstencionismo crónico...   O voto cativo define aquel tipo de votante que sempre vota por un determinado partido político, ou sempre en contra doutro determinado partido.   Nós cremos que neste contexto é a sociedade e consecuentemente a democracia a que realmente está cativa. O chamado voto cativo, xunto con factores colaterais como son a manipulación, a presión e a ameaza directa ou indirecta, son aspectos propios dunha sociedade predemocrática que deben ser denunciados e saneados se queremos chantar unhas bases firmes para a convivencia cívica.  

Nós cremos que para calquera empresa común que desexe emprender este povo e para lograr calquera avanzo no progreso material (e moral) é completamente necesario que abordemos este tema. Sabemos que a plataforma Nunca Máis é onde se afirma hoxe esta vontade de cambio social e ten que ser ela o principal motor desta iniciativa.

 

E propoñemos que a plataforma cívica Nunca Máis :

- Poña os medios económicos necesarios para realizar unha investigación que analise da maneira máis completa posíbel esta realidade complexa. Nesta liña xa demos os primeiros pasos promovendo a concrección dun estudo de diagnose sobre os factores e motivacións que condicionan o comportamento e as actitudes políticas da cidadanía galega. Mediante este instrumento imprescindíbel será posíbel delimitar os factores explicativos, establecer as canles de comunicación política, sinalar as estratexias de interacción política en cada ámbito territorial, explicar os intereses que condicionan o comportamento político e a súa mediatización por parte de axentes sociopolíticos, establecendo a extensión das actitudes políticas.

- Deseñe e desenvolva unha ampla campaña de intervención social para sensibilizarmos diante desta problemática vertebral da sociedade galega. Cremos que esta campaña que debe ter unha duración determinada en meses e unha planificación axeitada, abre unha interesante liña de traballo para os diversos colectivos que integran a plataforma Nunca Máis e pode constituír unha oportunidade para as aspiracións democráticas deste povo.