| Manuel Outeiriño. Extraído de Galiza-hoxe (Maio 2004) |
Na rúa de San Miguel, limiar ou fronteira da cidade medieval, advertiu Risco grandes tubos de sombra para se abeirar no verán. Púxoo nun dos artigos publicados so o título de "Ourense perdurable", acompañados por debuxos de Conde Corbal. A rúa de San Miguel baixa da casa dos Boán, da que escribiu Ferro Couselo nun dos primeiros números do boletín Auriense, ó xardín de Feixoo, que pecha o sintomático edificio modernista do Simeón (farturento almacén, banca, logo escola de idiomas e hoxe sala de exposicións e congresos da Deputación de Ourense). Dicía un diplomático leonés, de volta de non sei cantos anos gastos en diferentes legacións españolas, que o mundo é unha grande deputación. Pónme medo falar dunha cidade feita de pedra e brétema (na dialéctica cerne da invernía) e do bochorno e sombra (na dialéctica louca do verán). Temo falar dun lugar habitable, maino e vello, case mediterráneo (polo que testemuñan centos de retornos adoecidos, quere decir nostalxias, ou millenta primaveras serodias e algo loucas que levan sempre a festa dos maios e logo a do corpus, moi hispánica). Ourense, como a obra de Feixoo é teatro crítico universal. Pon medo dicir nada dese orbe pequeniño (orbe de orballo) que é cidade levítica, centro administrativo de serras pobres e de vales úbedos. Ourense é ter goberno de contrastes, termar de tempo e témporas, tremar de despedidas e retornos. O anticipo do que aínda chamamos Ourense, hai que ilo procurar polas contornas, cruzando o río Loña, polos castros que estudiou Cuevillas, Miño arriba, cara a Velle, pola estrada na que Risco fundou (coa compaña dun can de Pomerania) o "Superoucidentalismo". O superoucidentalismo é complemento necesario da noción de "Orientalismo" debida ó chorado Edward Said. Véxase o que puxo sobre a superación do "oucidentalismo" o guieiro galeguista nas páxinas de "La Zarpa", que dirixía Basilio Álvarez. Ourense é unha cidade medio oriental, quere dicir, non é tan occidental coma Vigo que é medio ourensá. Temo caer no orientalismo ó falar de Ourense pero entendo que Ourense ten máis de Bagdad ou de Basora ca de Nova York. Fican aínda sobras e pegadas do Ourense decimonónico, en parte severo e reaccionario coma o Cardeal Quevedo e algúns tangos, de por parte, pode un acollerse ó Ourense liberal da estirpe de Otero Pedrayo (que a vulgata expropiadora da literatura galega nos presenta a feito de fidalgo rural trasalbés). Hai un Ourense de sons case esquecidos. Poño por caso o dos carriños das gasosas ou a serea do Malingre. Esa serea, evocada no poema "Ouréns" de Méndez Ferrín, deu o o ton post-Auschwitz no que vivimos, con gusto de ledo limón. Ourense é grande lúa inverniza, asiática é quizais avinagrada, de moitos cadros de Xaime Quessada, dos contos de Ferrín (e tamén de Petöfi, Lubic-Milosz, etc.). O catálogo de artistas esbara aquí e sobarda á localidade, porque Ourense é, como Hungría, un anaquiño da Unión Europea. En Hungría houbo tanques. En Ourense tamén de lavar e rega-las verzas, pola vila Valencia e o Barbaña, agora urbanizado. Fala deses lugares, da barronca, a novela "El recristo del Baraña", do Quessada. Ourense é unha focha de contrastes. A parroquia de santa Eufemia, onde para a pía bautismal á que levaron a Risco, Pedrayo e Eduardo Blanco Amor foise enchendo estes últimos anos dos sons de Roy Hardgrove, Niels-Henning Pedersen, Russell Malone, Roy Haynes, e outros esbardallantes músicos histriónicos afroamericanos. Os ósos do mozo roñón e logo franquista esbardallante que foi Euxenio Montes, autor do poema Good-Bye Galicia, deben de remerxe de cando en vez. En Ourense, en xeral, somos optimistas. Por aí adiante andan co do 0,7% para a cooperación internacional. Nós pedimos o 99,3% para nós xa. Escrito está na Praza do Ferro, onde para a fonte que amablemente se lles trouxo ós de Oseira cando a desamortización (pois tiña unhas como señoritas e non era cousa de mirar para elas os frades). En Ourense hai síntomas de decadencia. Os da xastrería El faro xa non fan traxes á medida, nin de primeira comunión. Os xaponeses xestionan as pozas termais da Chabasqueira e algunha xente dalle por ir rañala alí ás augas cheirentas, por iso que lle chaman relax que é un choio seica novo que tamén se anuncia nos xornais locais xusto antes das esquelas evocando a dualidade de erros e tánatos subliñada polo noso pai Sigmund Freud que, moi probablemente, tiña parentes na Rabaza. O McDonald´s chegou hai pouco á cidade, mais non se lle vé trazas de levar moita xente. O fenómeno alimenticio dos últimos anos son as pulpeiras dominicais que poñen os caldeiros a cocer en moitas esquinas. As pulpeiras urbanas ourensás son unha alternativa razoable á globalización. A globalización ourensá pode resumirse na consigna "Pulpo para todos xa". En Faluya, hai que botar os americanos para ir librando esquinas ós caldeiros das nosas pulpeiras. |