RECOSTRUCCIÓN
Fragmento ou cacho para esquecer ou continuar. Copia e pega, canta tamén unha canción que lembres con todo o corpo.
Las casas sin manzanos, las casas para encerrar, las casas sin selvas, sin mares, sin vuestros tobillos, las casas para atrapar, las casas sin puentes colgantes para cruzarnos.
Sin senderos abiertos que llevan sin saberlo muy lejos.
Las casas para separar, encuadrar, guardarnos hasta mañana. Las casas que dan directamente a las oficinas, los talleres, los hipermercados y el aburrimiento.
As casas que fixemos nós aínda que non as fixemos nós. As casas feitas polos cartos, tristes en cada recuncho, tóda-las fiestras a oubear porque saben que non son fiestras.
As casas feitas contra a sabedoría, gastando a eito músculos e teimas, despreciando o sol e o aire. Que non fixemos con agarimo para grandes troulas e meditacións e despedidas no claro serán.
Non as fixeron enormes xuntanzas abertas para familias pequeniñas, familias grandes con moitos vellos e rapaces, comunas inzadas de monociclos, viaxeiros e refuxiados cheos de música.
Por iso mallan no espacio.
Non seguen a lei da hospitalidade, non seguen a lei das dornas e os hórreos, a lei da beleza, a lei dos teus beizos.
Un día farémo-las casas copiando e pegando.
Tirado do indymedia Galiza por luscoefusco
A PAZ DOS MORTOS E A RAZÓN DE ESTADO
Teño o bandullo cheo e podo poñerme a escribir. Hai tempo que quero reflexionar sobre o que a Cultura Política actual deu en chamar Proceso de Paz. Apeteciame xa antes desta última explosión. Sobretodo porque é un tema tan estelar que, consciente ou inconscientemente, a manipulación mediática e o engano abundan, tanto como para relegar a raiz do problema a un lugar anecdótico. O grado de perversión da disputa pública aparente é tan grande, que pode ofrecernos unha boa perspectiva dos mecanismos domésticos de fabricación de consentimento e de Opinión Pública.
Trátase –sabémolo todos/as- dun tema onde só uns poucos teñen a información necesaria como para fundamentar análises fondas, o cal nos convirte á grande maioría en especuladores no sentido menos rocambolesco da palabra. Un tema onde só uns poucos teñen poder de resolución, o que nos convirte a case todos/as en meros espectadores, no sentido máis literal e debordiano da palabra. O feitizo polo que, nun asunto de tal trascendencia para todos/as, só uns poucos acaban tendo plena capacidade de decisión, debémosllo ao bon funcionamento desta avanzada Demotecnocracia e á súa eficiente garantía de Seguridade para o Estado, cousa na que tanto empeño poñen quen popan del, e que con tanta lixeireza estiman ou subestiman quen se aveñen a negociar con El.
Non é ningunha sorpresa, pero a Seguridade do Sistema de Dominio si é un dos asuntos centrais que poden explicar o devenir do citado Proceso. Porque, a pouco que escarbemos en todo este embrollo, comezan a aparecer incoherencias nas actitudes dos partidos do turno que só á luz da Razón de Estado podemos comprender. Esta é, en sustancia a tese que propoño: o Proceso, contra o que pretenden ou presumen os analistas, os políticos e os media, depende moito máis da propia lóxica do Estado que de nomes ou siglas concretas. Para entendernos, Zapatero é, para o caso, antes Presidente do Goberno do Estado que José Luis Rodríguez. E aínda máis: as aspiracións abertzales que unha vez acadadas deixarán sen sustancia o tan manido Proceso, dependen moito máis da transformación estrutural en curso -e inevitábel dados os vectores ideolóxicos vixentes-, que dunha conxuntura aberta pola vontade da E.T.A. ou do Goberno. Pero o Proceso cumpre dúas funcións moi interesantes nesta sociedade: vende e entretén.
Lembremos que, dende a Declaración de Anoeta, aparcando as urxencias independentistas, a esquerda abertzale ven plantexando dúas exixencias para a negociación: autodeterminación e territorialidade (fagamos notar que ambas as dúas chocan de fronte contra esta lóxica do Estado e da súa definición). Propoñen ademais dúas plataformas de negociación: dunha banda unha mesa multilateral de partidos políticos, e por outra unha negociación desmilitarizadora entre o Goberno de España e a E.T.A. Nada disto interesou en absoluto ao Goberno ata a declaración de alto o fogo permanente, momento no cal comézase a plantexar a posibilidade dun longo e difícil proceso de paz, por suposto rexeitado dende o comezo polo Partido Popular, empeñado no que chaman a derrota policial do terrorismo, ou sexa a fin da E.T.A. mediante a aplicación sistemática dos mecanismos represivos do Estado (según din eles non hai máis problema). Así pois, cómezase en marzo de 2006 a plantexar a posibilidade de tal proceso, pero sen embargo en nove meses o Goberno –absorto en quen sabe que estratexia- non fixo ningún xesto conciliador, nin simbólico nin concreto. (O P.S.O.E., como ben sinala Iñaki Soto, si tivo a deferencia de levar a Bob Dylan a Donostia para ir ambientando; pero só iso). Pola contra, a represión xudicial continúa e encárgase a Rubalcaba de pilotar un coche parado.
Ata aí o relato aparente e superficial. Onde están as incoherencias?
Sen dúbida a máis rechamante é a do Goberno: a que tanta pasividade? Por que non abrir o camiño da solución? Como en toda iniciativa había riscos, evidentemente, pero moi asumíbeis por todos –a excepción do P.P., obviamente-, como quedou escenificado no apoio parlamentario e na ilusión social xenerada. Por que non se moveu ficha? Non interesaba a solución do problema? Interesaba máis recuperar o apoio do P.P. ou abrir o diálogo coa E.T.A.? Quen pode respostar sen retóricas nin discursos valeiros? Quen pode respostar nun rexistro que toda a xente da rúa entenda?
A lóxica da negociación pre-exixe a aceptación de certo grado de razón ou dereito na outra parte. Pero nada diso amosou nin o Goberno nin o P.S.O.E. Amosaron nese terreo as mesmas ideas forza que o P.P., pero adornadas dun decorativo talante. O propio Bono foi moi explícito ao advertir nunha entrevista televisiva: eg que ellog son log malog, y nosotros log buenog. Con estas premisas (Bono non é lamentabelmente excepción), imaxinamos xa que negociación cabía aí.
Ou é que cando falaban de proceso de paz estaban a referirse á pax romana? A unha paz como aceptación da Orde, das regras do xogo e do status quo? Ou á paz dos camposantos? A min cheirábame a isto dende hai tempo. Admirábel aspiración! Unha paz como a de Francia? Moi pacífica ata que estoupa o odio. Iso non se chama paz, senón control! Proceso de control!
A posición do P.P., resulta en realidade menos incoherente. É simplesmente unha incoherencia aparente entre o que dín querer e o que fan por conseguilo. Pero é en realidade unha hipocrisía enormemente coherente. A súa verdade, como a de todos/as, está no que fan e non no que dín. A estas alturas somos multitude quen cremos que, contra as apariencias, politicamente é o máis beneficiado da existencia e persistencia da E.T.A. Non habería outro xeito de entender a súa negativa absoluta a unha solución negociada (que por certo, menudo brete no que meteron aos obispos, tan proclives sempre ao diálogo). Ou é contumaz estupidez ou é que o interese real é moi outro. Como senón entender o desprezo e ninguneo da enorme base social abertzale, nin a quimera da derrota policial? A analoxía coa guerra global de Bush para favorecer o terrorismo é evidente. Pero quen se pode crer que se vaia a acabar violentamente coa violencia? O efecto multiplicador é seguro. E ollo, que velaí temos a De Juana…
A inxenuidade aportárona certos sectores da esquerda abertzale e mesmo da E.T.A. ¿Como dar en pensar que un Presidente do Goberno de España ou un Ministro dese Goberno, vaian conceder nas circunstancias actuais o dereito de autodeterminación, ou sequera o dereito a decidir certos temas que atentan directamente contra a integridade e a definición dese Estado que administran? Se tal fixeran deberían pechar o chiringuito porque se lles ía a tomar vento en moi pouco tempo. Se o Estado estaría disposto a matar ata polo illote de Perejil! E está disposto porque a súa definición é clave para a súa superviviencia, non porque o illote interese máis ou menos. É por iso polo que endexamais confiaría a súa definición aos seus definidos, nin consentiría en concebila como un acto volitivo, nin á maneira de Locke nin de calquera outra. Para El é unha realidade histórica, ou como formulaban os seus máis torpes executivos: unha unidade de destino. Batasuna semella infravalorar as enormes presións que sufre o Goberno, tanto dende o P.P. como dende o P.S.O.E. e os seus respectivos lobbies. Grupos de presión que son precisamente os que o manteñen no Poder. Como imaxinar, xa que logo, que se foran desmarcar deles? Ou é que Batasuna non atopou mellor opción?
Zapatero, moi sensato El, demostrounos, como xa anunciabamos arriba, ter moi pouco de socialista, pero moito de Presidente do Goberno do Estado.
A lista de incoherencias podería aumentar se tomáramos en consideración outras formacións políticas ou sectores de opinión, pero imos aforrar o tormento. Temos abondo para desenvolver a tese inicial.
Consideremos agora a hipótese da razón de Estado e observemos o encaixe da realidade nela. Máis aló das declaracións mediáticas, é obvio que o Estado endexamais cederá parcelas de Poder nin renunciará á súa integridade se non é pola forza. [Ollo, que ninguén se apresure a acusarme de apoloxía do terrorismo, que tal como están as cousas, por menos xa ten sido algunha xente condenada... Se o Sto. Oficio exixe a miña condena verbal, apresúrome a condenar, sen ambaxes galileanos, pero acto seguido formulo a seguinte pregunta: QUE OUTRO CAMIÑO DEIXAN A UN POBO QUE QUEIRA MUDAR O SISTEMA? Cantos anos máis deberá agardar? Está ben respectar as regras do xogo, pero só debería facelo quen queira xogar, non é? Ou é que aquí xogamos todos/as á forza? Todos/as ao xogo que Eles queren que xoguemos. En fin…]
Se consideramos esa hipótese, o puzzle empeza a encaixar moito máis loxicamente: as dilacións de Zapatero serían comprensíbeis (sen marxe administrativa de acción, andaba a agardar a rendición máis có diálogo ou a negociación), a hipocrisía popular (ao acecho para levantar a toda a ultradereita españolista, cada día máis combativa, ao menor xesto), a reacción da E.T.A. (desenganada ao comprobar que o Estado non concedía as marxes de negociación que Ela inxenuamente agardaba, e que as súas reivindicacións non ían nunca sequera a poñerse sobre a mesa) etc.
Velaí a lóxica do Proceso.
Non é este o lugar para unha análise concienzuda dos mecanismos básicos de creación de opinión nesta problemática. A espectacularización contemporánea do terrorismo debe quedar para un ensaio sosegado (a morte é o bocado máis apetitoso para o Espectáculo). Pero observemos algún deses métodos e poderemos confirmar a hipótese. Sen dúbida o máis interesante é o da delimitación do problema: as cousas que ao Estado non interesa falar quedan fora da opinión pública. Porque como é sabido –aínda que non moi difundido-, a raiz do conflito, e xa que logo a causa primeira da existencia da E.T.A., é a aspiración nacionalista dunha maioría da sociedade vasca negada historicamente polo Estado español. Pero esta cuestión apenas entra na axenda. A discusión recórtase interesadamente para levala a un terreo cómodo para o Estado e os seus Media: á problemática da loita armada-terrorismo. O mecanismo semella obedecer á unha sicoloxía das masas propia do fascismo. Unha sicoloxía interesada en estigmatizar máis que en conciliar: plantexando un dilema moral de rotunda e evidente solución ao alcance da maioría, se fabrica un obxectivo contra o que o pobo poida dirixir as súas iras (os terroristas, ou os vascos abertzales, ou os batasunos…) eludindo así o escabroso debate da causa de fondo: o dereito de autodeterminación; tema no que podería desvelarse o talante coercitivo do Estado Democrático.
Esta estratexia, tan negadora das causas primeiras como atenta cos síntomas, evidencia que non interesa realmente a solución democrática do conflito. Interesa só, de momento, a perpetuación autoritaria do status quo, diso que a Cultura Política chama as regras do xogo (esas que por certo, non foron fixadas mediante o escrutinio das urnas, senón a golpe de baioneta, volta de garrote ou emisión televisiva; é curioso, forxamos a base de sangue e lume unha realidade política, pero a quen despois queira transformala exixímoslle que o faga pacificamente e pola vía reformista). Resulta como si ante o escorbuto nos negáramos a falar de vitamina C, e quixéramos limitar a problemática e a terapia a un simple tratamento da dentadura.
A solución non interesa en realidade porque precisamente atenta de maneira directa contra a Razón de Estado (que non é outra, para que os menos (de)formados o entendan tamén, que a súa supervivencia e fortalecemento). Porque do mesmo xeito que a vitamina C curaría o escorbuto, o dereito a decidir curaría o autoritarismo estatal e a consustancial rebelión contra este. Pero claro, de que ían vivir as farmacias se non houbera enfermidades? De que ían vivir os políticos de Madrid se decidíramos por nós mesmos/as?
Entretanto os listos buscan solución, nós seguiremos a sufrir… bombas e telediarios, traxicomedias socialistas e hipócrita autoritarismo popular. A sufrir a Razón de Estado… ata que sexamos Paz de camposanto.
AURELIO SMITH
COBALLAS, FARISEOS E ÉXTASIS
A mocidade tende a ser audaz, indolente, romántica, afásica, esperanzada, perdedora, xenerosa e egoísta. Procede mediante ritos de pasaxe, de cando en cando alleos a melodrama ou truculencia, e ata hai pouco carecía prácticamente por completo de capacidade adquisitiva. Agora consegue diñeiro dos seus familiares, engadindo ás veces un soldo por traballo a tempo parcial, e aínda que non pode permitirse grandes malgastes ten máis de 100 venres e sábados nas 52 semanas de cada ano. Esa especie de recreo para festivos oriéntase a soportar o estrés dos outros días, onde o adolescente vai comunicarse cos seus iguais en voz baixa, co segredo de quen propón ou recibe ofertas disparatadas pero oportunas para paliar a insípida cotidianidade. Vale para case calquera plan xa é un planazo ver se de verdade abriron certo sitio moi enrollado , mentres mitigue a languidez do aburrimiento.
Non se aburren os fillos de campesiño, desde logo, que pronto van asumindo responsabilidades ligadas a unha supervivencia da familia, e xogan largamente cunha chanta de bicicleta e un pau, ou algo máis tarde cazando e triscando. Con todo, tamén eles tenden a emigrar como fixesen tantos parentes, movidos pola sensación de que alí se condenarían a elixir menos en xeral, traizoando dese modo a súa liberdade. E o mesmo adolescente que se divertía guiando unha chanta de bicicleta aprende a aburrirse tras aterrar nalgunha urbe. O antídoto común é unha escapada cara á marcha, que a forza de ser periódica e rascar a fondo o seu peto ofrece emprego a incontables persoas e empresas en todo lugar algo próspero do globo.
Xustamente porque a mocidade ten diñeiro como nunca, e é insensata como sempre, preservala de excesos coa ebriedade non se logrará con infundios, atropelos e omisións. O xerente da Axencia Antidroga, poñamos por caso, declarou días atrás a este xornal que «o éxtasis xera abstinencia como as outras drogas», e convirá que describa a síndrome abstinencial de dita substancia, o de LSD ou o de fungos psilocibios; se o consegue pasará aos anais da farmacoloxía científica. Aos pais de familia interésalles máis ben saber que tomaron eses mozos mortos na rave de Málaga. A MDMA ou éxtasis ten unha marxe de seguridade (proporción entre dose activa mínima e dose mortal media) non moi inferior ao da aspirina. Probe alguén a tomar 10 aspirinas, e vexa xeito de contar sen cuitas a súa experiencia. Se a poboación está a cuberto de disparates neste terreo non é só porque todo o mundo se tomou algunha aspirina, senón porque o seu ingrediente esencial (acedo acetilsalicílico) véndese puro e medido escrupulosamente, atendendo ao principio de que soa dose facit venenum. Sen meticulosidade na composición desaparecería calquera expectiva de emprego razoable.
Oímos entón que a MDMA non é un medicamento senón un tóxico, cuxa circulación prohibíuse hai algo máis de 15 anos. E ben, a declaración podería ponderarse se desde entón ata hoxe os seus usuarios non se elevaron á enésima potencia, grazas á propia substancia e a stocks en todo o planeta. Quen atribúen as sobredosis a MDMA «purísimo» omiten, ademáis, información valiosa para o público xeral e para os propios adolescentes.Por exemplo, que esta substancia foi usada pura por psicólogos, psiquiatras e curiosos durante máis dunha década sen producir unha soa intoxicación; que a OMS dubidou moito á hora de admitir ou negar a súa «utilidade terapéutica» (véxase ONU, Informe do Comité de Expertos, 22 26 de abril de 1985); que a policía inglesa o país máis adepto do mundo á MDMA vén suxerindo regularizar o seu consumo, e que a nosa Audiencia Nacional consideróuna droga «branda» tras sopesar o informe pericial de Alexander Shulgin, descubridor desta substancia e miles doutras análogas. O Tribunal Supremo casou dita sentenza para que non se convertese en doutrina legal, pero sen mellores razóns que cumprir compromisos internacionais, instados neste caso como no das demáis drogas hoxe perseguidas polo xendarme norteamericano.
Vexamos se a autopsia dos mozos falecidos en Málaga despexa incógnitas sobre calidades e cantidades. Quen proban MDMA non sendo xa novos quedan estupefactos ao ver que entre adolescentes axuda a provocar un frenesí de derviche danzante ou ministro dalgunha ceremonía vudú, con atronadores altofalantes que impiden falar a outro e oírlle, cando o efecto primario deste fármaco é aumentar a capacidade de empatía, abrindo o que moitos psicoterapeutas chaman as portas do corazón. Será que non aproveitan a pastilla para falar sentidamente porque toman demasiadas, ata converterse nun manoxo de nervos? Cantos de promedio toman media ou unha pastilla? Puidese haber algún tipo de aprendizaxe crucial a través da danza? estudou a Axencia Antidroga algún destes extremos?
Os seus motivos terán os nosos fillos para elixir emprego do tempo libre, e nesta materia faránnos un caso parecido ao que fixemos nós aos nosos sendo adolescentes. Por iso é polo que conveña cinguirse ao básico: todo uso dunha substancia psicoactiva é un exercicio de masoquismo se falta amor propio e coñecemento.Con amor propio e coñecemento teremos o programa clásico da sobria ebrietas, un exercicio de prudente hedonismo no canto de imprudente autodesprecio. O pésimo do caso actual é que á tesitura ética engádense burdas incertezas e enganos.A metanfetamina ou speed, por exemplo, é 10 veces máis activa e tóxica que a MDMA (metilendioximetanfetamina) ou éxtasis, e moi distinta pola experiencia inducida.
Hai tempo ofrecéronme un comprimido de MDMA «purísimo», do que por cautela só tomei medio. Unha hora máis tarde foi evidente que era máis ben puro speed, nunha dose descomunal que borrou toda perspectiva de soño durante 30 horas. Aínda que queremos botarlle a culpa ao éxtasis, ou á metanfetamina, quen a ten é unha cadea de desinformación, que comeza cun químico improvisado na bañeira da súa casa, segue cun par de camellos analfabetos e termina nos petos dun incauto como créme da créme.
Mirando desde o alto, o éxtasis ten dulcificado o clima máis áspero de décadas anteriores, e é preferible que a idade do pavo ventile a súa débeda coa ebriedade usando un «entactóxeno» ou comunicador que con salvaxadas como datura ou beleño, excitantes cocaínicos ou vehículos de retiro senil e boa morte, como os opiáceos. Ata é positivo que o rito de pasaxe actual coa LSD, unha substancia moito máis delicada de manexo, se faga pasando antes pola moderada viaxe emocional do éxtasis. Posto que o mozo vai vivir a súa vida, pouca prudencia lle inspiraremos con fábulas e alarmismos. Cando un fillo quere navegar ou voar non abortaremos o seu desexo evocando naufraxios e catástrofes aéreas, pero el entenderá e agradecerá que lle instemos a ser un navegante ou un piloto competente. Cando os nosos mozos deciden facer viaxes químicas pouco atenderán a profecías de instantánea degradación e morte, pero a cabo pediráselles que empecen instruíndose con información precisa, e agradecerán o realismo.
Esta perspectiva retorna nun mundo onde o desuso derrogou os regulamentos prohibicionistas, mentres unha ampla oferta inunda calquera recuncho do horizonte e reformula que será velar de verdade pola saúde pública. Ofende cada morto involuntario adicional, e involuntarios son todos os fulminados por algún adulterante ou sucedáneo, non menos que por impurezas e mala dosificación.Imaxinemos unha farmacia maligna onde pedimos magnesio e dannos cianuro, e elevemos o número dos seus filiales a millóns por toda a face do planeta. Estamos ante o argumento dunha película sobre xenocidas? Non, é simplemente o froito final do experimento prohibicionista.
Por outra banda, non somos tan incultos farmacolóxicamente como hai 30 ou 40 anos. Se no canto de demagoxia buscamos solucións graduais, con plans limitados a certas cidades ou partes delas, regalando unhas drogas en programas de beneficencia, vendendo outras na farmacia, situando algunhas en estancos e supermercados, e repartindo un último grupo en departamentos de antropoloxía, psicoloxía e filosofía da relixión, abertos sempre a cancelar ou recortar os proxectos á vista dos seus resultados, e combinando todo iso con campañas de información auténtica (entendámonos: orientadas ao uso e aos seus albures concretos), esta postura podería gañar en España e noutros varios países da Unión un referendo por goleada.
As promesas de oferta e demanda esgrimidas como alternativa carecen de credibilidade. As drogas están aquí para quedarse, queramos ou non, e cada ano aparecerán máis. O humanista prefire por iso que a catarata de compostos novos e antigos estea suxeita a supervisión. Só iso erradicaría o monopolio dispensador de redes criminais, que non o son tanto por violar unha lei inxusta como por perpetrar chapuzas e estafas, repercutidas sobre a nosa mocidade en forma de navallazos ao seu organismo. Basta de puñaladas trapeiras e de finxir que a cidadanía está protexida cando novas e non novas serven de coballas a calquera miserable.
por Antonio Escohotado…
Profesor da Universidade Nacional de Educación a Distancia
Tirado de lisergia.net
SEN ARQUÍA, POR FAVOR
Por suposto que si. Son anarquista.
Cousa que carece de importancia, porque o alicerce do anarquismo é que tamén o sexan os demais. Esa é a base da autarquía, da autoorganización. Non esa idea banalizada de que a anarquía significa que todo o mundo fai o que lle dá a gana e isto é un cachondeo (que esto es Jauja, como di miña nai). A idea un chisco máis elaborada -e que por iso require que pasemos os ollos dúas veces por riba da súa expresión tipográfica- a idea de que o ser humano pode prescindir do poder e a autoridade para vivir en sociedade.
É o anarquismo un tanto inxenuo?
Como que o ser humano pode prescindir do poder e blablablá? Como que o home pode vivir en sociedade sen instancias coercitivas?!
O anarquismo confía no poder de mecanización e interiorización das normas cívicas por parte do ser humano. Coido que se trata do sistema sensistema máis digno para a coexistencia e case cohabitación de 6.000 millóns de embigos neste planeta. Cifra que é moi fácil de dicir pero algo máis difícil de pensar. Hai quen satiriza que os postulados anarquistas caen no cándido optimismo ao presupoñer que eses 6.000 millóns van compartir osíxeno e petróleo en harmonía cósmica. Pero é que pensemos un intre: se cada un deses 6.000 millóns é consciente de que non existe ningunha instancia por riba del, ningún dispositivo ou sistema argallado co único fin de espialo, castigalo, sobreprotexelo, oprimilo (ergo, ningún deus, alomenos cristiano e penso que islámico e xudeu tampouco)... non se reducirían as posibilidades de gozar facendo sentir mal a outros?
Seguramente non desaparecerían. Mais, non se reducirían?
Argüirán: psicoloxicamente precisamos sentir que hai algo supremo do que formamos parte. E permítanme: a especie homo sapiens sapiens, o sistema solar, a galaxia Vía Láctea, o reino animal, a vida baseada en cadeas de aminoácidos, carbono e división celular... non abondan? Precisamos siglas, rostros de líder, directivas perpetuamente reunidas, homes e mulleres carismáticos que decidan o que é bo ou malo o que debe ou non debe facerse? Precisamos un must be sempre?
O punto clave do anarquismo é, como lembra citando o señor Chomsky, que a propiedade privada dos medios de producción é unha forma de roubo. E a quen cita é ao señor Proudhon, orgulloso en ser o primeiro en autodenominarse anarquista.
Pero, quen coño son os medios de producción? Ocórreseme (pero creánme que non todas as cousas que afirmo se me ocorreron a min, a min a primeiriña) que han ser as formas de manifestarse e reproducirse tanto dos caricaturizados capitalistas con puro como do supraórgano máis potente de toda sociedade - se excluímos ás grandes multinacionais i entidades financeiras-: o Estado.
O anarquismo pasa por riba desa falacia especulativa que é a democracia actual e que enche a boca dos políticos de medio mundo porque adoita protexelos cunha especie de aura de invulnerabilidade: quen pode atacar os principios democráticos? - pensa o denostado señor Arbusto mentres fríe unha salchicha e bebe Duffy [sic]-. Logo, quen pode atacar o que eu digo sen caer no puro terrorismo?
E mastica a salchicha tan campechanamente que provoca un chaparrón en Irak que esmaga de golpe a 25.000 civís.
25.000. Unha cifra fácil de dicir. Difícil, difícil de pensar.
A democracia é un xogo de espellos baseado en que o teu reflexo equivale a ti mesmo. E que entón, un señor con bigote que fuma Ducados, come cochinillo asado, especula con accións e constructoras, pertence a un partido con determinadas siglas, e ten unha muller chamada Agustina e unha amante china chamada Li Si... que entón ese señor é ti mesma. E pode representarte. A ti. Que es vexetariana, estudas matemáticas, tes por amante a unha veciña loira e baixas soa ao cine de cando en vez. Só en virtude da maxia das urnas. O teu reflexo democrático é ese señor.
O principio de representatividade democrática é tan falso coma o xogo de espellos do final da Dama de Shanghai.
Entón, se cremos con candor que tal representatividade é posíbel... non é lexítimo o candor de pensar que, sen o poder do Estado, o mundo é factíbel? E non só factíbel senón agradábel?
O Estado é un tumor que se apropria do novo ser vivo que conforma a sociedade a humana. Sosteño que un tumor nace do empeño en ser inmortais. É unha desobediencia, un descontrol. O Estado, como forma de poder que é, igual que o foi a Igrexa (ollo, non a relixión), empéñase cegamente en persistir. O mantemento do poder, e non o ben común, son a finalidade reservada de todos os Estados.
O fondo reservado de todo estado.
E dado que se alían coas superfinanceiras, coas ultramultinacionais, cos megamedios de comunicación... en realidade, quen diaños compón o Estado? Cal é o seu poder de decisión final?
A burocracia, un engrenaxe demencial só apto para anódinos, é unha das bazas máis fortes a prol da necesidade do Estado. O Estado, como un fabricante de coches, véndenos a idea de que é necesario cambiar de coche. Pero nunca deixar de ter coche.
Como existe o equilibrio mundial sen Estados? Quen ocuparía as cadeiras da ONU? Realmente hai decisións que non estean supervisadas sempre polo FMI?
A fin de contas, que é un Estado?
Unha multinacional, como a Igrexa, que vende identidade social, lingua e cultura comúns, policía, logotipos visíbeis?
[A Igrexa contou no seu momento cos elementos da primeira gran multinacional da historia: un logotipo impactante, un carismático fundador que lle lega todo ao seu fillo sen deixar o poder, sucursais en canto outeiro existe no mundo, un libro marabilloso que contén o todo, unha superempresa vaticana que patrocina arte, literatura, enxeño... ata que topou coa ciencia do século XVI. E productos venábeis tan suculentos como a alma, o perdón, o sosiego familiar e a consideración grupal. A Igrexa cristiá foi o modelo de Coca-Cola, Ford, Nike ou Maquiavelo].
A vontade de mantemento no poder do Estado choca frontalmente coa vontade de poder do individuo. Mesmo coa vontade de poder de certos grupos sociais, lobbies, etc...
É sospeitoso que un Estado sexa reacio a modificar as bases que o lexitiman: constitucións, sistemas electorais... Cando un organismo tende a perpetuarse sen importarlle o entorno, sen ter en conta o concepto esencial de caducidade... é un organismo tumefacto, é un tumor, un cancro. É un vulto sen funcionalidade algunha, ou cunha funcionalidade mínima disposta para disimular.
É algo similar a un Estado.
Por suposto, eu non teño as respostas a todas as preguntas non retóricas que plantexei. Só sei que o pretendido Kaos que, en teoría, sementaría a supresión de dogmas e poderes estatais, no meu imaxinario persoal paréceseme moito máis a un Kosmos. Á orde. Á cosmética. A cooperatividade, a horizontalidade, o intercambio libre... pintan un mundo no que a expansión persoal ten moito máis sitio. E non perde de vista o xogo de que aquí todos somos prisioneiros e colegas. Co que traizoar ao outro con tal de conseguir un obxectivo individual supón sempre a peor das eleccións posíbeis...
Talvez noutro universo.
Nun deses que flotan nas posibilidades numéricas de Pi.
BSO: David S., ou S. David, puntualizou unha vez que Police eran como punks guapos. Police soan a psicofonía da casa da miña nenez e adolescencia, non porque os escoitara eu, senón polo meu irmán. A día de hoxe resolvo que foron un grupo moi bo. Bastante ácratas no seu son, alomenos no sentido do mainstream da época. Creo que nin siguen a ninguén nin fan escola. O peor de Police foi que Sting se parecese tanto a Beckham. Pero iso non podían imaxinalo.
Así que hoxe poño Spirits in the material world. Unha especie de nihilismo espiritual.
E Bring on the night. Un himno á noite, xa dende hai varios séculos louvada. Carpe noctem, como diría un spot dalgunha destilería...
Datos de interese: A película Pi, segundo revelan os microsiervos, amosa no seu cartaz un número Pi inventado, copypasteado i, en definitiva, erróneo. A peli tamén é un pouco copypasteada ela en si, pero a estética turba case tanto como o número que reflicte. Polo demais, mestura batidos todos os conceptos e atrezzi fascinantes da matemática de fins de século (XX): fibonacci, xogo do go, teoría do caos e, por suposto, pi. Só botei en falta os fractais.
Quero ver El laberinto del fauno. Este é un dato de incuestionábel interese xeral.
Sí, por suposto que si. Son anarquista. Pero anarquista contradictoria. Por exemplo, voto nalgunhas eleccións. Non lin a Bakunin directamente. I engaiólame a idea de que fose un nobre. Un nobre anarquista. Dacabalo polas estepas. Mal gusto sentimental, que lle imos facer.
Anoto que aos 2 meses e poucos días o ser humano ri cando ve a súa imaxe reflectida nun espello. Como cada vez vai vendo mellor, cada vez ri máis.
Sabían que o número e expresa crecementos exponenciais sen límite, como o dunha colonia de bacterias ou o dunha fraga que volve crecer tras ser asolada nun incendio, por exemplo? Non, qué coño ían saber (talvez o saiban, talvez o saiban). O que si sabemos é que os montes galegos arderon. E que, con o sen número e, custará un ril medioambiental volver a dispor deles. Xa sei que o digo tarde. Sei que no seu momento non o dixen aquí. Xa chovía demasiada palabra con respecto ao tema. Un home que coñezo e que seguramente le isto agora mesmo [ ola] di que quen provoca un incendio había castigarse seguindo esta lei celular: un asasino mata X células vivas cando se carga ao seu xefe, por exemplo. Pois ben, o autor dun incendio matará X elevado a n células vivas. O meu amigo afirma que o castigo ha ser proporcional. I en praza pública, suliña.
Máis que anarquista, escollo a designación ácrata. Máis acre, máis ácara, máis arácnida, máis contundente. Un pode discutir cunha anarquista. Cunha ácrata [malia ser o mesmo] semella nin pagar a pena. É unha verba que araña.
Miro os anuncios. Máis que os programas que van en medio. Os de coches. Agora que se leva certa magnificencia humana, certa trascendencia neses spots (sobre todo os de coches caros: BMW, Mercedes, Audi) recoñezo conmoverme co de Bruce Lee: Be water, my friend. Mal gusto sentimental de novo? Ouh, shit.
Be water. Hoxe chove.
posté par estibaliz... (blog)
HAI DÍAS
HAI DÍAS que semellan séculos
............................................nos que
dolorosas estrías marcan
..............................superficies
nos esgotados corpos
que son mapas opacos
....................coma se fosen
rasquizos dunha ditadura
que se resiste a morrer
Hai unha cicatriz interna
que supura delatadas
....................inconformidades
desangrando a burbullóns
queixumes que son enmudecidos
..........................................sen razón
Hai cousas que non cambian
O tempo non repara
nas acochadas bágoas
......................nin nos ollos
que miran as xanelas abertas
coa ilusión erosionada
polos francotiradores
ghichos de coidados risos
.......................que mallan miolos
con descricións de empregados
...........................de ciencia ficción
E ti, no medio
onde a crise é unha canción
.................................de negros
entoada nos campos de algodón
........................................do asfalto
Cruz Martínez (tirado de aportaverde blog)