OS PERDEDORES
Durante este mes, celébrase o 30 aniversario das primeiras eleccións libres tras a morte de Franco. A efeméride, é blandida por políticos de todos os partidos como un alicerce da democracia. Desa, da que “eles” senten donos e facedores. Xornais e televisións, ensalzan continuamente o papel, diríase , heroico dos partidos, por saber deixar de lado rifas históricas e poder traballar xuntos e levar a bó porto a democracia e a constitución. Todos son importantes: O rei, Suarez, Fraga, Carrillo, Roca, González, etc. Son os seus heroes. Pero non son os meus.Os anais da historia están cheos de perdedores, que nunca son do bando dos poderosos. Franco morreu , mais deixou unha máquina represora en funcionamento, e a súa inercia alcánzanos aínda nos nosos días. Daquelas persoas que vivían mergulladas na miseria, no paro, e nunhas condicións económicas herdeiras do medievo, non hai palabras en ningún sitio. Daqueles que creron as mentiras dos partidos políticos e votaron, para sentir despois o desengano nas súas carnes, non hai palabras en ningún sitio. E aqueles que se atreveron a levantar a súa voz, foron represaliados, como xa antes o foron. Todos os que vivimos “aquilo” dende a nosa propia experiencia, non necesitamos que nos lembren cada certo tempo a que foi a experiencia deles. A ninguén lle chocará hoxe día que alguén lembre a data e diga: “acordo o ilusionados que estabamos todos, mentras esperabamos os resultados e iamos a casa dunha amiga en Mirasierra, a escoitar discos de Jazz, ler a Whitman e experimentar cos nosos profesores” (Elena Ochoa, no País, 15-6-07 )
Nas barriadas de obreiros ninguén tiña amigos con casa en Mirasierra, e moi poucos oirían falar do Jazz, pero si que tiñan medo. Medo de saber que de ir mal as cousas sería o pobo quen pagaría as consecuencias. Tiñan poucos recursos, casas endebedadas, falta de traballo, e en moitos casos fame. Hai uns días, un amigo da conca mineira asturiana, contóume unha historia. Ocorreu cando el era neno e ía á escola. As entradas aos pozos mineiros estaban perto do pobo. Conta o meu amigo, que cando había unha explosión de gas grisú nalgún pozo. As sirenas de alarma oíanse perfectamente. Inmediatamente moitos nenos, botábanse a chorar e berrar, presas do pánico, outros trousaban ou quedaban brancos. Saben porqué? Todos os seus familiares traballaban na mina. Cada vez que soaba a sirena, algún neno quedaba orfo, ou sen irmán, ou sen tíos. Trasladen esta historia a algún porto pesqueiro, logo dunha treboada, cando se descobre que falta un barco no porto. Pregúntome se a Doutora Ochoa e os seus amigos imaxinarían sequera unha situación así. Estes nenos, e mulleres, e homes, non ían escoitar discos de Jazz, nin lían a Whitman nun chalé de Mirasierra. As testemuñas desas persoas non están en ningún xornal, nin en ningunha televisión. Tampouco se fala das vítimas da represión franquista e posterior, crimes que hoxe día seguen impunes, persoas que foron asasinadas por protestar, e cuxas familias terán outra forma de contar a transición:
21 de Xullo de 1970 Folga da construción en Sevilla e Granada. A policía española asasina a tres obreiros.
13 de Setembro de 1970 A policía asasina a Pedro Patiño en Madrid, durante a folga xeral da construción.
18 de Outubro de 1971 Folga na SEAT de Barcelona. A policía mata nos talleres a Antonio Ruiz.
10 de Marzo de 1972 A policía española dispara contra os obreiros en folga que ocupaban os talleres da Bazán, en Ferrol, asasinando a tres deles, Amador Rei, Daniel Néboa e Víctor Castro.
1 de decembro de 1972 En Santiago de Compostela a policía española asasina a tiros a Juan Fortes, cando realizaba unha simple pintada na rúa.
17 de setembro de 1973 A Garda Civil asasina, obrigándolle a beber acedo sulfúrico, a Cipriano Martos, obreiro da construción.
20 de Maio de 1975 A policía española mata a tiros en Ondárroa (Guipúzcoa ) ao estudante Luís Arriola.
12 de Agosto de 1975 Cae asasinado pola policía española en Ferrol, Ramón Reboira.
31 de Agosto de 1975 Manis contra a pena de morte. A policía española asasina ao mozo Jesús García Ripalda.
3 de Marzo de 1976 En Vitoria, a policía española ametralla covardemente unha mani de obreiros, asasinando en plena rúa a 5 mozas e ferindo a máis de 100.
8 de setembro de 1976 A Garda civil asasina en Fuenterrabía durante as manis pola amnistía ao mozo Jesús María Zabala.
23 de Xaneiro de 1977 Durante unha mani en Madrid as bandas fascistas asasinan ao mozo Arturo Ortíz.
24 de Xaneiro de 1977 Orxía de sangue. Pola mañá, a policía asasina en plena rúa a Mari Luz Nájera, que protestaba pola morte do día anterior. Pola noite, os fachas asasinan a 5 avogados laboralistas no despacho da rúa Atocha.
8 de Xullo de 1978 Na celebración dos Sanfermines, a policía española asasina a tiro límpio a Germán García en Pamplona e produce máis de 100 feridos.
4 de decembro de 1978 Asasinado en Málaga J. M. Caparrós por un grupo de señoritos fascistas.
3 de Xuño de 1979 Nunha marcha contra as centrais nucleares é asasinada de socato pola Garda Civil en Tudela a moza Gladys del Estal.
13 de Decembro de 1979 Na glorieta de Embaixadores de Madrid, a policía dispara contra unha mani de estudantes, matando a dúas deles, José Luís e Emilio.
10 de Maio de 1981 Tres mozos santanderinos son asasinados pola Garda Civil en Málaga, tras sufrir salvaxes torturas e mutilacións, ao confundirlles cun comando de ETA.
12 de Marzo de 1987 A Garda Civil, reprimiu violentamente as mobilizacións dos obreiros de Forxas, en Reinosa, Asturias, contra o desmantelamento dos seus postos de traballo, matando a ún deles.(*)
Todos os asasinatos deses anos quedaron vergonzosamente impunes, coa complicidade de xuíces, que non abriron por iso ningún tipo de procesamiento ou condea. Ata varios anos logo da constitución. Falta xente nesta lista. Basta esta pequena mostra como demostración da liberdade e do estado de dereito no que vivimos e que nos recordan “ao seu xeito” os nosos “sacrificados políticos”, verdadeiros “heroes da transición”
(*) Gracias ao “Paté de Marrana” polo préstamo de información.
Yorick
laconujuracontraelnecio.blogspot.com
<< Início