8.6.07

INDEPENDENCIA??

Este pequeno desbarre pretende aportar o seu grao de area ao debate que semella abrirse ultimamente (e afortunadamente) en certas áreas do movemento de resistencia libertario, autónomo, antiautoritario… ou como se lle guste chamar sobre as loitas de liberación nacional e independencia.

En primeiro lugar deixar patente a crítica ao nacionalismo tradicional de esquerdas (do de dereitas xa non paga a pena falar) como representante por medio das súas organizaciós obreiras, partidos, sindicatos, asociacións… do mesmo que pretenden combatir: delegación, centralismo, dependencia e subordinación a unha estructura política superior. Este rexeitamento do nacionalismo estatalista e autoritario na que a “vangarda” son as organizacións armadas autoproclamadas liberadoras do povo (sexa ETA, EGPGC, IRA, T. LL…) leva a moitas persoas de ideas libertarias a identificar calquer loita pola liberdade e identidade dun povo coa loita pola implantación dun sistema paralelo pero “nacional” con toda a súa carga negativa: estatista, xerarquía, racista, demócrata, autoritario, represor, patriarcal e moito etc…

E non ten porque ser así. Calquer loita pola liberdade, a autoxestión e a igualdade debería pasar polo respeto e compromiso coa independencia total, en principio do individuo, despois de abaixo ata arriba creando espazos de liberdade e autonomía, pasando polo contorno local, o ámbito social e nacional no que se desenvolve cada ún cada unha, e así, a loita das comunidades naturais contra eses enxendros artificiais que son os estados e o capital centralistas, xerárquicos e explotadores e que provocan u odio e a guerra entre povos que someten, e non é a ideoloxía xustificadora dunha minoría privilexiada autóctona frente a outra minoría foránea (o PNV ou o populismo rexionalista de Fraga é un bó exemplo, creo).

Non se pode caer na simpleza de tomar as loitas de liberación nacional como enxendradoras de novas estructuras estatistas e verticalistas, aínda que esa é a idea que nos queda despois de coñecer ao nacionalimo tradicional, cambiar esa idea e empezar a moverse nese senso está nas nosas mans.

O poder e o capital tende a uniformarnos e facernos dependentes de todo o que lles convén. Loitemos. Pois, pola diversificación e a autonomía dos valores particulares da xente cun vínculo popular común. Mais sen caer noutra simpleza: crer que o nacionalimo é por sí só a panacea que nos liberará, fáille falta unha boa dose de condimentos asamblearios, libertarios e de solidariedade.

Xa está ben de teorías emancipadoras universalistas (fillas do pouco realista idealismo-romántico burgués), de pallas mentais, de paraísos revolucionarios que nun futuro darán saída acertada aos particularismos nacionais. A revolución fáise dende que se toma conciencia do que se quere facer, e está en cada unha e en cada ún de nós. Creando xuntas e xuntos as nosas alternativas de loita, respostando aos pisotóns do sistema fáise revolución, trocando día a día os valores que a sociedade nos fai interiorizar e matando ao facha ao adultócrata, ao policía, ao machista, ao individualista, ao consumista, ao autoritario, ao insolidario que todas e todos levamos clavado, tamén se fai revolución.
E por iso que nos decatamos de que a liberdade, a autonomía e a independencia parten de cada unha e cada ún de nós como unidades humanas que somos e váise compartindo de abaixo a arriba coa comunidade coa que nos sentimos dalgún xeito unidas e unidos social, natural, etnica e limguisticamente, creando identidades meirandes descentralizadas e independentes entre elas. Unha especie de rede de solidariedade, apoio mútuo, autoorganización e respeto entre comunidades.

Ou sexa que unha comunidade será máis libre na medida que os individuos que a conforman o sexan e viceversa.

Por último decir que este concepto de independencia non está reñido coa idea de ser cidadán ou cidadana do mundo. Se non podemos sentir os dous sentimentos é unha pérdida de capacidade de relacionarnos.

Esperamos que este debate siga facendo rompernos a testa.
Saúde: Amor e Autonomía.

Javi (principios de febreiro do ano 9º da era Orwell)(1993)
Tirado do fanzine Noxxxo.