IBERTROLA
ADEGA ven de apresentar as súas suxestións ao rocambolesco proxecto de IBERDROLA para facer unha central soterrada baixo o Canón do Sil. Esta delirante infraestrutura pretende bombear pola noite a auga do Sil até o cumio do canón para logo turbinala polo día e aproveitar as bonificacións por enerxía renovábel. Alén desta fraude económico-ambiental, o proxecto ubícase dentro do LIC Canóns do Sil, parte da Rede Natura galega e conlevará unha brutal alteración paisaxística nun lugar de excepcional beleza e atractivo turístico candidato a Patrimonio da Humanidade.O proxecto contempla a construcción dunha central de bombeo/turbinado soterrada a carón do encoro de Santo Estevo, no concello de Parada do Sil de donde se elevaría a auga até un encoro artificial de 37,5 hectáreas, 800 m arriba do río no cumio do canón. Dende eiquí deixaríase caer por gravidade para turbinala e producir electricidade. Tanto o encoro como as kilométricas conduccións subterráneas ubícanse nas ladeiras do LIC Canón do Sil, espazo integrado na Rede Natura galega.
Esta obra faraónica implica un importante movemento de terras e unha intervención profunda (e nunca mellor dito xa que furaría todo o macizo) nun espazo protexido, provocando un ferinte impacto paisaxístico nun lugar onde é precisamente a paisaxe o seu valor fundamental, foco de atarcción turístico a nível europeo.
Alén disto, este tipo de instalacións de enerxía hidráulica por bombeo agochan unha cara escura no seu funcionamento. Non xeran enerxía neta senón que aproveitan as diferentes tarifas existentes para bombear consumindo enerxía pola noite e turbinar xerando enerxía polo día, e deste xeito beneficiarse das subvencións existentes para as enerxías renovábeis. É ademáis un feito gravísimo que Ibertrola afirme que esta obra non vai afectar ao Canón do Sil e que constitúe un exemplo de “aproveitamento sustentábel”. É posíbel que a empresa entenda que o desenvolvemento sustentábel consiste no seu desenvolvemento, sustentado por todos/as nós.
É doado pretender beneficiarse das subvencións públicas que pagamos todos/as e non deixar ningún posto de traballo na zona. O que sí deixa é unha degradación brutal da paisaxe e das condicións naturais que repercutirá negativamente no turismo da Ribeira Sacra e comprometendo a súa declaración como Patrimonio da Humanidade.
A este respeito, o Sr. Benito Carreño, actual alcalde de Parada do Sil, foi consultado por ADEGA sobre o proxecto, manifestando que o Concello xa aprobara a memoria inicial e alegando que traerá moita riqueza para a zona, pero descoñecendo detalle algún do proxecto. É responsabilidade dos representantes municipais enterarse do que asinan e aproban. A ignorancia e o descoñecemento non xustifica a gravidade das consecuencias deste nefasto acordo.
O Sr. alcalde non considerou a repercusión negativa no turismo, nen as consecuencias ambientais do proxecto dunha obra que durante case 8 anos, vai xerar un escaso volume de emprego, que será práticamente nulo na fase de explotación. Por este motivo ADEGA quere alertar á veciñanza da Ribeiera Sacra e a toda a cidadanía galega sobre esta desfeita, animando a todos/as a expresar o seu rexeitamento no propio concello de Parada do Sil.
<< Início