DE CAMIÑOS, GUÍAS E GURÚS
x Abel OrtizA infalibilidade, esa rarísima facultade de acertar sempre, foi un valor seguro en ámbitos e momentos en grao sumo dispar. Infalibles foron, segundo eles, algúns, segundo outros, os outros, todos os papas, de Roma e Avignon, a maior parte dos filósofos alemáns e austrohúngaros. Determinadas monxas de Ávila, Groucho Marx, Margaret Tatcher, Romario, Mao Tse Tung, Charlie Parker, Edith Piaf, Batman e pouco máis.
O non equivocarse nunca está á altura dun despreciable número de mortais e só dalgúns inmortais. Como o conseguen? doado. Teñen o folleto ilustrado dun cursilño multimedia escrito por algún xenio do marketing: Faga coma min. Sexa perfecto en quince días, ou en quince reencarnacións, e procure a felicidade interminable.
Ser infalible, ou sublime sen interrupción como dicía Baudelaire e citaba Umbral del desierto na súa columna, tres veces por semana, cando ía de enfant terrible, é unha tarefa ingrata a miúdo non recoñecida nin sequera cun premio príncipe de Asturias ou algún doctorado “honoris causa” en Georgetown. Recoñezámolo aínda regodeándonos na nosa mediocridade: ser infalible é moi difícil.
Malia millóns de probas, algunhas incontrovertibles, en contra da súa existencia, a infalibilidade séguese vendendo no mercado das ideas como material en uso.
Ratzinger, o PCUS, o dalai Lama, o opus dei, a CIA ou a mesa nacional de Herri Batasuna, instalados na certeza absoluta, usaron ou usan a súa infalibilidade para ensinarnos os camiños da verdade. Os camiños sempre existiron; para ir ao pobo do lado, para ser ún co cosmos, coñecerse a si mesmo, falar cos defuntos, alcanzar sabedorías perfectas, corpos perfectos ou, hai xente para todo, chegar a deus, nin máis nin menos.
En todas as culturas “o camiño” aparece como idea de superación, como vía para privilexios vedados para os non iniciados que vagan indefensos polas sombras exteriores. O Tao chinés é un camiño no concepto e na súa tradución literal. O texto crave de Escrivá de Balaguer, precedente dos libros de autoaxuda que inundan os centros comerciais, guía obligatoria para as torturadas almas dos membros do opus dei, chámase, como non podía ser doutro xeito, “camiño”. “No camiño” poñíanos Jack Kerouac como ruta “sine qua non” cara á realización persoal ao estilo beatnick.
“O camiño” era a única saída do pobo para “Daniel el mochuelo" e os outras persoaxes que Delibes utiliza na súa novela máis coñecida e claustrofóbica. “Camiño neocatecumenal” chámanse a se mesmos os Kikos, unha variante do integrismo católico radical patrio en grao sumo exaltada. Hai miles de "camiños" na historia, na literatura, na maxia, na relixión ou na vida de calquera. Sempre hai, ademáis, alguén desinteresado disposto a ensinarnos o correcto, o único, o verdadeiro, o infalible.
Todos os camiños pois, como vemos (menos o de Santiago que, pásmense, acaba en Santiago ou o caminito tanguero que o tempo borrou) levan a Roma, ou na súa falta á infalibilidade, que vén ser o mesmo.
Todo o mundo quere ter, ou ten, un camiño, unha folla de ruta, un atallo miragreiro.
Seguindo convintemente o libro de instrucións o éxito está asegurado: A vida eterna, a sabedoría completa, a revolución definitiva, o nirvana, o sexo tántrico, o aura verde fosforito ou a unidade da patria, firmes, arrr.
Houbo unha vez un señor de Sevilla que reflexionou sobre isto no seu horto craro onde maduraba un limoeiro. Alguén que era, no bó sentido da palabra, bó. Alguén que o único camiño que coñeceu na súa vida foi o do exilio. Os seus versos son cultura popular. Todos coñecen a súa advertencia aos camiñantes. Non era casual, nin estética, nin retórica. Os camiños non existen. Os guías adoitan ser estafadores cando non algo peor. O que sí existe, case seguro, é o mar. E os ronseis.
abelortiz.blogspot.com
Tirado de la haine
<< Início