9.4.07

BIOTECNOLOXÍA AGRÍCOLA E BIOÉTICA EN ÁFRICA

Os organismos xenéticamente modificados, OGMs ou transxénicos obtéñense ao transferir un xen dun produto vexetal ou animal a outro (aínda de distinta especie) por medio da Inxeñería Xenética.
A industria biotecnolóxica introduciu os transxénicos en África malia que as condicións da súa agricultura son inadecuadas para estas tecnoloxías. O algodón Bt da multinacional Monsanto está sendo imposto en África Occidental. Sudáfrica cultiva tabaco, algodón, maíz GM; Exipto, Tanzania e Uganda experimentan batata, trigo, yuca e chícharos GM.

Os transxénicos non responden a unha necesidade de África, senón ao desexo de beneficios das empresas. A industria de pesticidas que foi a forza impulsora da Revolución verde (híbridos), é hoxe a impulsora das colleitas GMs que obrigan aos campesiños a usar os produtos (insumos agrícolas) da compañía.
Os OGMs en África solución ou novos problemas?
A industria agro-bioquímica proclama as vantaxes dos OGMs sen mencionar os seus riscos: contaminación por polen de prantas da mesma especie, perda da biodiversidade e de saúde. Se a vida é pluralidade, os transxénicos diminúen a biodiversidade. En EEUU, en 2005, o millo Bt10 ilegal de Singenta contaminou a cadea de alimentación e os mercados de exportación e en 2006, o arroz ilegal GM de Bayer contaminou o arroz orgánico.

Os OGMs aumentan a dependencia de tecnoloxías estranxeiras, marxinan da investigación aos pequenos granxieros, aumentan as súas dificultades socio-económicas e non reducen o uso de pesticidas. O goberno de EE.UU. usa a súa axencia de desenvolvemento USAID para introducir os OGMs.
En 1991 USAID formou un consorcio de compañías privadas e institucións de investigación cun forte financiamento, para asegurarse de que o mundo plantase OGMs. A súa estratexia era identificar colleitas convintes, transformalas con Inxeniería Xenética (IG) e usalas como propaganda para introducir outras colleitas GMs. Este lobby presiona aos gobernos para que redacten leis brandas que permitan a entrada a compañías biotecnolóxicas americanas e concedan patentes ás súas OGMs. USAID dicía abertamente “o principal beneficiario dos programas de Axuda estranxeira de USAID son os EE.UU.”
O Terminador ou “Terminator” é unha manipulación xenética que produce sementes esteris. Isto obriga ao campesiño a mercar sementes para cada colleita e pode arruinar aos pequenos agricultores. O terminador permitirá á industria explotar o mercado de 1,4 bn de fogares que gardan as súas sementes. A Convención da biodiversidade (CBD) impuxo unha moratoria por considerar esta tecnoloxía perigosa para a biodiversidade.

Outras biotecnoloxías agrícolas?
A selección asistida por marcadores (SAM) permite detectar a partir do xenoma, características desexadas en variedades emparentadas a unha pranta, para cruzalas con variedades comerciais e mellorar a calidade. A nova variedade permanece dentro da especie, o que reduce o risco ecolóxico asociado aos OGMs. A SAM substituirá seguramente aos alimentos GMs.
A nanotecnoloxía é a manipulación de estruturas de átomos e moléculas a nano escala (10-9m), o que orixina fenómenos e propiedades totalmente novas nos materiais. Esta técnica tende a apropiarse e controlar a agricultura e a cadea alimentaria, o que ameaza a máis de 2,6 millóns de granxeiros, mariñeiros e gandeiros. A biotecnoloxía e os nano-materiais transformarán a demanda de materias primas, afectando fortemente a África. A colza GM pode substituír ao aceite de palma e de coco que dá emprego a 21 millóns de persoas en Filipinas (palma) e 10 millóns en Kerala (coco). Pídese unha moratoria para a experimentación e uso de nano-materiais ata que se determine o seu impacto e a súa seguridade.


Os OGMs e a seguridade alimentaria en África:
A seguridade alimentaria en África foi emperorando dende 1970. Algúns datos:
Máis de 200 millóns (2001) de persoas están subalimentadas. O 50% da poboación de África subsahariana pasa fame e un terzo dos seus países están por baixo do consumo de calorías recomendado. A inseguridade alimentaria é máis severa en zonas rurais onde viven o 90% dos pobres. Hai unha relación entre inseguridade alimentaria, pobreza, malnutrición e escasa sanidade. Ademais, a causa do fame en África non é sempre a falta de alimentos, senón máis ben a falta de recursos para mercalos, mala distribución, malas políticas e falta de previsión. No mundo hai alimentos suficientes para alimentar á poboación actual
Os cultivos GM non resolverán o fame en África porque a súa produción non supera a dos cultivos orgánicos e as causas do fame son múltiples. Ningún cultivo GM tivo impacto na produción de alimentos (salvo arroz-vit. A). O 90% da soia GM e o 60% do millo GM de EE.UU. é para o gando, non para persoas.
arengado por USAID, Exipto investiu fortemente en gando. Para alimentalo substituíu os cultivos de alimentos básicos por cultivos para o gando. Hoxe Exipto ten que importar alimentos. Os beneficiarios desta conversión á ganadería son as compañías de gran estadounidenses.

En África úsanse verduras salvaxes para a alimentación humana. Se os campesiños plantan GMs os herbicidas eliminarán as plantas non-cultivadas, o que reducirá a comida para os máis pobres.
As compañías buscan mercados para obter maiores beneficios e non para mellorar a seguridade alimentaria. As palabras do presidente de Monsanto son elocuentes: “É moi fácil gañar moito diñeiro con necesidades básicas como comida, vivenda e vestido”.
Os acordos internacionais deben modificarse para permitir aos países priorizar a súa produción alimentaria local, baseándose en recursos locais. Toda decisión política e económica (subsidios, liberalización, etc.) que aumente a inseguridade alimentaria ameaza a vida dos pobres.

Os OGMs e as sementes: Nos anos 70, coa escusa de mellorar a produción, a FAO e o Banco Mundial impuxeron en África a lei de sementes que creou condicións para que a industria sementeira controlase os mercados. Estas leis impiden a venda e o intercambio de variedades de sementes tradicionais e só permiten vender sementes aos propietarios de patentes (as industrias). En África, os campesiños abastecen o 90% das sementes. Pero a industria pode absorber este mercado. A aplicación da lei poñería en serio risco aos agricultores orgánicos, como ocorreu en Escocia nos anos 90.

As grandes compañías sementeiras mercaron as paraestatais cando os PAEs (Programas de axuste estructural) obrigaron aos gobernos a privatizalas. Estas compañías uníronse para establecer o lobby “Mellora de sementes en África” que controla o mercado e exerce a súa influencia en gobernos, OMC, e sistemas rexionais. O seu poder pode anular o esforzo dos pequenos agricultores, na maioría mulleres, para consolidar a autonomía local de sementes adaptadas ao clima. A limitación do uso e comercialización de sementes é unha violación dos dereitos do agricultor.

Que opcións existen para os pequenos campesiños de África?
As dificultades dos pequenos campesiños (falta de créditos, de infraestructuras, estradas, transporte, almacenamiento de gran) vense intensificadas por acordos globais de agricultura e comercio na OMC que impoñen a liberalización e favorecen os subsidios agrícolas do Norte.

As políticas creadas polos aliados das empresas biotecnolóxicas negan aos agricultores a opción de prantar cultivos non GMs e de gardar as súas propias sementes. As novas tecnoloxías consolidan o poder das multinacionais e marxinan aos granxieros, que non poden controlar estas tecnoloxías, nin decidir sobre as prioridades de investigación. Que posibilidade teñen os pobres de beneficiarse de tecnoloxías que están fóra do seu control? Por iso opóñense aos OGM. E por iso, a ética esixe unha correspondencia entre problema e solución. Fronte ao fame causada por diferentes factores, os alimentos GMs non poden presentarse como unha solución!.
Edición para internet de: Revista Umoya 1º trimestre 2007 Dossier Central Da Conferencia África: a vida ameazada XXVI Congreso de Teoloxía-Madrid Autora: Begoña Iñarra